A concelleira do Partido Popular de Santiago, Olaya Otero denunciou o retraso na licitación do Orbitaliño, unha infraestrutura clave no desenvolvemento industrial da cidade, polo que insta ao BNG a esixirlle, de forma urxente, aos seus socios do Goberno central o inicio inmediato desta estrada.

“Hai un ano que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible anunciaba, durante a inauguración do Orbital, que a obra do Orbitaliño estaría licitada en poucos meses, pero a realidade é que os composteláns seguimos esperando, porque o proxecto atópase, un ano despois, totalmente paralizado e, o máis preocupante, ao goberno nacionalista non parece preocuparlle o retraso”.

Para Otero este é un exemplo máis da incapacidade e desleixo dos nacionalistas, “non lles importa e, o que é peor, teñen tal descontrol e falta de xestión sobre os asuntos que son esenciais para unha cidade que é a capital de Galicia, que nin sequera son conscientes do prexuízo que lle están a causar a o tecido industrial, económico e social de Compostela”.

A popular reprochou ademais que, “transcorridos xa dous anos de mandato, non coñecemos cal é o proxecto dos nacionalistas, nin cales son os seu obxectivos no referente ao sector industrial e, ademais, a súa falta de interese pola atracción de industria queda demostrada, con só ver o estado no que teñen os polígonos industriais do noso Concello”.

“Insistímoslle aos nacionalistas -dixo- en que urxe que asuman as súas responsabilidades e, neste caso concreto, intercedan ante o Goberno central, do que por certo son socios en Madrid, e esixan o cumprimento dos proxectos comprometidos”.

A edil popular remarcou que “o Orbitaliño é unha infraestrutura clave para o desenvolvemento industrial de Santiago, xa que conectará os polígonos da Sionlla e Costa Vella coa N-550; e mellorar os accesos á variante de Aradas e á estrada de Carballo”. “Sen unha rede viaria eficaz -explicou Otero- será imposible atraer investimento empresarial para poder avanzar no obxectivo da diversificación que a economía de Santiago tanto necesita”.

Olaya Otero salientou tamén que “dispor de infraestruturas axeitadas e ben conectadas é fundamental para a atraer inversión e fomentar o desenvolvemento industrial, xa que se lle ofrece ás empresas a base necesaria para operar de xeito eficaz e competitivo”.