O edil do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, criticou duramente ao goberno local pola “inexistente información e nula planificación das obras que se están desenvolvendo en Brañas de Sar, para a instalación de pantallas acústicas, e que están a xerar graves problemas de mobilidade.
De la Fuente reclamou ao goberno nacionalista que “suspenda, de forma inmediata, estas obras ata reunirse cos veciños e atopar un consenso que garanta a súa mobilidade, tanto peonil como en automóbil, e vixíe a execución das obras por parte da empresa”.
“Os veciños -explicou De la Fuente- atopáronse, de súpeto, sen ningún tipo de información previa por parte do goberno local, co inicio dunhas obras que nin sabían para que eran, coñecendo polo propios traballadores do contratista de que actuación se trataba”.
O popular indicou que “os traballos bloquean, por momentos, toda a rúa, sen previo aviso, provocando que as veciñas e veciños non poidan saír cara aos seus traballos ou desprazar aos máis cativos”. Ademais, engadiu, “as persoa maiores con problemas de saúde ou de mobilidade amosaron a súa preocupación sobre que pasará se un vehículo de emerxencias ou sanitario ten que achegarse ata súa casa”. “E é que en moitos caso non poderían xa que ás veces téñenos media hora esperando pola simple descarga de material”, lamentou.
De la Fuente lembrou que “non é a primeira vez que pasa isto, de feito as obras realizadas polos nacionalistas seguen este mesmo patrón, xa é unha marca BNG, sempre comezan os traballos sen ningún tipo de xuntanza nin información previa aos afectados”.
“Como xa aconteceu nas obras da Pastoriza ou do Pombal, o goberno local non se molestou en xuntarse cos veciños das vinte vivendas afectadas e explicarlles o proxecto e desenvolvemento dos traballos e escoitalos co fin de saber os problemas que poderían xerarlles e, así, ofrecerlles alternativas de mobilidade; pero o que fai é autorizar o proxecto de ADIF e comezar as súas ao mesmo tempo, sen ter e conta que iso ía provocar molestias importantes”, denunciou o popular.
Así mesmo, De la Fuente amosou a súa preocupación polo tránsito de coches pola Ponte de Brañas ao non estar configurada para o paso de vehículos e preguntouse se os técnicos municipais fixeron unha mínima inspección do estado desta infraestrutura, como probas de carga, para garantir a seguridade de automobilistas e peóns; ademais, subliñou que as varandas están rotas e despegadas do chan, polo que se un condutor se despista o seu vehículo pode acabar no río.
“Estas obras coinciden coas que o propio goberno municipal está executando en Batalla de Clavijo, polo que se agravan os problemas de mobilidade para a veciñanza. “Esas actuacións cortaron o acceso peonil coa avenida de Lugo, polo que agora teñen que dar unha volta de máis de quilómetro e medio para un percorrido de pouco máis de cincuenta metros”, agregou.
Para o edil popular, “este raquítico goberno nacionalista é, sen embargo, moi soberbio e, a pesar da súa autopropaganda, parece que “ten a menos” falar cos veciños e escoitar as súas necesidades; prefire actuar “manu militare”, sen importarlle os problemas que as obras poden causar”.