A concelleira do Partido Popular de Santiago, Yolanda Otero, vén de propoñer a elaboración dunha Estratexia para converter á capital de Galicia en cidade amiga coas persoas maiores, co fin de promover o envellecemento activo e saudable das veciñas e veciños de máis idade e, así, “facer efectiva a adhesión de Compostela á Rede de Cidades Amigables coas Persoas Maiores”.

“Esta estratexia debe reflectir -explicou- o compromiso coas persoas de idade avanzada, é dicir, debe ser unha ferramenta que cre espazos físicos e sociais beneficiosos para o envellecemento”.

A edil popular lembrou que, “no Pleno de marzo de 2016, xa se acordara esta adhesión, pero, a día de hoxe, aínda non se completou o proceso”.

Otero subliñou que “hai que apostar pola diversidade, o trato adecuado e a loita contra o idadismo, o que contribuirá a facilitar a vida das persoas de maior idade que viven no noso Concello en varios eixes estratéxicos, sobre todo, na participación, os servizos comunitarios, os espazos públicos, a vivenda e o transporte”.

“Unha cidade amigable -indicou a popular- é a que facilita que a veciñanza envelleza de forma activa, recoñecendo a súa diversidade, promovendo a súa inclusión e achegando, en todos os ámbitos da vida comunitaria, a escoita das súas inquedanzas; o respecto á elección de estilo de vida; a resposta ás súas necesidades; a participación social e a seguridade, co fin de mellorar a súa calidade de vida durante o seu proceso vital a medida que envellecen”.

Para que Santiago de Compostela sexa unha “Cidade Amigable coas Persoas Maiores” é necesario completar as fases establecidas pola OMS e contar cun plan de acción que promova e facilite o envellecemento activo e saudable das persoas maiores.

Finalmente, a concelleira popular subliñou que “Santiago mostra un progresivo envellecemento da súa poboación, na que as persoas con 64 anos de idade ou máis, superan o 23 % e a evolución, nos vindeiros anos, reflicte un incremento exponencial neste eido de poboación, o que evidencia que deben contar cunha especial atención”.