O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, lembroulle hoxe a Goretti Sanmartín que “se non é quen de aprobar as súas propias facturas non pode botarlle a culpa aos demais”, en relación aos recibos pendentes polo alugueiro de autobuses, que non foron aprobados onte no Pleno.
“Eu o que intentei é ser moi claro e dun xeito moi contundente, pero ao mesmo tempo solvente para explicar por que votabamos que non, -dixo-. Non era un non político, era un non cunha profunda carga xurídica, técnica e de ética política”.
O tamén deputado autonómico lembrou que “houbo unha Xunta de Goberno, en setembro de 2023, onde, sen ningún tipo de procedemento administrativo, nin informe independente, voando polos aires toda a normativa de contratación, se decidiu adxudicar a dedo o alugueiro de autobuses, por unha cantidade millonaria e por un tempo ilimitado”. “Se un ten sentido común, -engadiu- isto, evidentemente, non se pode facer, pódese alegar emerxencia para un momento puntual, pero non hai emerxencia que dure 2, 4, 5 ou 6 anos, para iso xa non hai que ser xurista”.
“Nese momento -continuou Verea- xa advertimos disto e das grandes irregularidadns que se estaban cometendo nesta actuación contra normativa, e agora pasaron dous anos e nós preguntámonos: fixeron algo?, corrixiron algo?, houbo algunha actuación para mellorar?, houbo algunha auditoría interna?.
Así, o popular xustificou o rexeitamento destas facturas porque se como alcalde a súa Xunta de Goberno nunca aprobaría un expediente nestas condicións, “eu -subliñou- non podo facelo nun Pleno coas responsabilidades administrativas que ten ese expediente”. “E é que- remarcou- “unha administración que está xestionando caudais públicos, non pode adxudicar a dedo un contrato destas dimensións, no que se están xogando tantos cartos públicos e un servizo tan importante, algo que están evidenciando todos os Interventores que se achegan a estes expedientes, que califican de auténtica barbaridade o que se fixo e non son quen de determinar que as facturas que se están pagando son ao prezo real do servizo que se está prestando, o que é gravísimo”.
Borja Verea insistiu en que “a miña función é poñer sobre a mesa, traer á axenda pública e intentar transparentar o que, dende o meu punto de vista, é unha auténtica aberración e que está afectando aos caudais públicos desta cidade e ao óptimo funcionamento dos seus servizos por parte dun goberno que non está facendo ben as cousas”.