O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, denuncia que, a pesar de ser requirido en múltiples ocasións polos propios veciños, na travesía da Fervenza, en Conxo, non se fan labores de limpeza, poda e desbroce de maleza e vexetación. “O crecemento descontrolado de árbores e arbustos ameaza con invadir as casas que están preto e fai perigoso o acceso dos propios veciños ás súas vivendas, o que supón ademais un serio perigo en caso de incendio na zona, como xa sufriron varias veces”, lamentou.




De la Fuente criticou que o goberno de BNG e CA presuma das liñas de comunicación de indicencias pero despois non fagan nin caso aos requerimentos e denuncias que fan os cidadáns, “os nacionalistas gobernan de costas á veciñanza, nin sequera se molestan en contestalas, outro exemplo da súa actitude soberbia”.
Así, o edil popular, reprochoulle o BNG que teñan completamente esquecida esta zona, ao carón do bosque do Banquete de Conxo e do campo de fútbol da Merced, “non fan as labores de mantemento e desbroce nin se ocupan de que os veciños fagan o propio nas súas propiedades, o que provoca un crecemento descontrolado da vexetación”.
De la Fuente expuxo que para poder garantir o acceso á súa vivenda, algún veciño tivo que ocuparse persoalmente da poda e limpeza de vexetación da propia rúa, labor que tiña que ter sido realizada polos servizos municipais, “non é tolerable que teñan que ser os propios veciños os que teñan que realizar na vía pública labores de limpeza e mantemento que lle corresponden á administración municipal, a este nivel de incompetencia chega o goberno do BNG”.
Ademais, amosou a súa preocupación por este crecemento descontrolado que está incluso afectando a muros de contención; as raíces das árbores están debilitando muros de contención lindantes coa rúa, que poden caer en calquera momento e provocar un incidente moi serio, dado que o tránsito por esa zona é o único acceso ás vivendas.
De feito, recalca de la Fuente, “algún muro xa caeu e tivo que ser reparado, e algún veciño está estes dias realizando obras de consolidación dun muro en perigo, pero hai moitos veciños que non son tan responsables e están deixando medrar a maleza, debilitando muros de contención que en calquera momento poden colapsar”.
“É responsabilidade do Concello esixir a eses veciños o mantemento das súas propiedades ou, si non é quen de facelo, debe asumir subsidiariamente unha actuación urxente que non admite demora, o perigo é evidente e inminente”, reclamou.
Por outra banda, a falta de limpeza por parte do Concello provocou que as redes de canalización de auga de pluviais estea tupida, absolutamente inservible e ineficaz para o que está concibida, polo que as vindeiras chuvias de final de verán e comezo dos outono provocarán asolagamentos na rúa e irremediablemente nalgunhas vivendas.
Por todo iso, De la Fuente esixiu ao goberno municipal unha intervención inmediata na Fervenza que garanta a poda da vexetación que está a poñer en perigo vivendas e a integridade de veciños e viandantes, a limpeza da rede de pluviais, e ordene unha revisión completa dos muros de contención que dan á rúa e, no seu caso, esixa a súa reparación e mantemento para que o seu estado non supoña un perigo para viandantes e veciños.