O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, criticou hoxe o anuncio do ministro de Cultura, Ernest Urtasun, sobre a declaración do Xacobeo 2027 como Evento de Excepcional Interese Público (EEIP).

Verea considera que este anuncio “chega tarde, mal e por presión do PP”, lembrando que “foi unha reivindicación constante no Parlamento de Galicia” e o Goberno de España chegou mesmo a vetar esta declaración en decembro de 2024.

“Se hoxe se anuncia esta declaración é única e exclusivamente pola insistencia de Galicia e do Partido Popular. Non deixamos de demandalo, incluso este mes de xullo, cando o Parlamento galego volveu aprobar por unanimidade unha proposta esixindo ao Goberno central que rectificase,” explicou Verea.

O popular destacou que a proposta foi aprobada por primeira vez en maio de 2023, e que ata en cinco ocasións foi defendida no Parlamento de Galicia, sendo tamén tres veces aprobada pola Cámara.

“É unha vergonza que agora veña o ministro a vender este anuncio como un logro propio, cando a realidade é que o Executivo central só reacciona pola presión institucional e social de Galicia. De feito, o réxime fiscal especial tiña que estar en funcionamento desde o 1 de xaneiro de 2025,” polo que, afirmou, “o PSOE debe pedir desculpas en lugar de felicitarse”.

Aínda así, desde o PP destacan que esta declaración, longamente demandada pola Xunta, permitirá incentivar a participación do sector privado mediante exencións fiscais nos proxectos vencellados ao Xacobeo e ao Camiño de Santiago, contribuíndo así ao impulso económico, cultural e turístico da comunidade galega.

“Celebramos que por fin atendan ás demandas de Galicia, pero non imos permitir que vendan como éxito o que en realidade foi unha constante negativa e un atraso inxustificable por parte do Goberno,” concluíu Verea.

Ademais, incidiu o líder popular, “aínda está por ver canto hai de real neste suposto compromiso do goberno de Pedro Sánchez no Xacobeo 2027, o único que houbo ata día de hoxe é esta declaración feita cun retraso inxustificado e do que non nos cansaremos en pedir, primeiro, que se desculpen e, segundo, que expliquen o mesmo”.