O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, solicita ao BNG a instalación de pantallas xigantes na praza Roxa o vindeiro domingo, día 27, para que os cidadáns e afeccionados poidan compartir a final da Eurocopa Feminina 2025, na que a selección española pode converterse, por primeira vez, en campioa de Europa.

Segundo De la Fuente, a clasificación da Selección Española de Fútbol para a gran final, xera unha enorme ilusión entre afeccionados e cidadanía, polo que demandan un lugar público onde compartir o encontro e festexar xuntos a que esperamos sexa a primeira Eurocopa da selección feminina.

Para o popular, a praza Roxa sería o lugar idóneo, posto que se trata dun espazo céntrico, de fácil acceso e de gran capacidade, que pode acomodar un gran número de persoas con seguridade.

Estamos seguros que desta vez a Alcaldesa non dirá que non, trátase do combinado feminino, que leva nos últimos anos desenvolvendo un fútbol que ilusiona á afeccionadas e afeccionados e que lle levou a conquistar o Mundial no 2023”, salientou.

Ademais De la Fuente solicitou que se adopten todas as medidas de seguridade necesarias, incluídas as de control de tráfico rodado; presenza de Policía local e membros de Protección Civil, ademais da prestación de servizos sanitarios adecuados, co fin de garantir que a xornada se desenvolva con normalidade.