O Partido Popular de Santiago, a través da concelleira Yolanda Otero, insistiu na necesidade da posta en marcha dun Plan Municipal de Infancia e Adolescencia como ferramenta para a planificación das actuacións do Concello para a atención e protección á infancia e adolescencia, facendo efectivos os acordos da Convención dos Dereitos do Neno (1989).
A popular concretou que, desde o Partido Popular de Santiago, lembramos que a capital de Galicia non conta cun Consello municipal da Infancia e Adolescencia e tampouco está adherida á rede de “cidades amigas” da infancia promovida por UNICEF.
Otero remarcou que “hai que traballar nun instrumento que conte coa implicación das entidades do tecido social que traballan a favor deste colectivo e a propia rapazada, promovendo a coordinación necesaria para dar resposta ás súas necesidades e promovendo a súa participación activa”.
“Hai que centrarse -explicou- en tres liñas estratéxicas fundamentais: a protección, a prevención e a participación, ao tempo que hai que dar resposta ao chamamento internacional da Axenda 2030 e esforzarse por brindar aos nenos e nenas un entorno propicio, co fin de obter a plena realización dos seus dereitos e capacidades”.
Para a popular, “o benestar social da infancia e adolescencia de Compostela depende en gran medida da acción municipal, polo que o goberno local ten a responsabilidade de velar e unir esforzos para conseguilo; de deseñar unha cidade baixo a mirada da infancia e a adolescencia, polo que teñen que estar atentos aos desafíos emerxentes e aos problemas sociais que lles afectan”.
“As nenas e nenos e adolescentes -indicou- exercen unha cidadanía activa como membros de pleno dereito na sociedade democrática actual, polo que é fundamental contar cunha cidade onde as inquedanzas, opinións, necesidades e dereitos da infancia e adolescencia formen parten da política municipal, reflectindo unha xestión garante dos dereitos e benestar da veciñanza máis moza”.