A concelleira do Partido Popular de Santiago, Olaya Otero, vén de propoñer ao goberno local a reactivación da Mesa Local de Comercio, o que, como explicou, “permitiría recuperar un espazo fundamental de participación e cooperación, no que se elaboren respostas máis eficaces e adaptadas ás necesidades reais das persoas comerciantes”.

“Dende hai meses, -destacou a edil- o comercio compostelán ten que facer fronte a un novo desafío relacionado co incremento da inseguridade que afecta tamén ao conxunto da cidade, pero que atañe, moi especialmente, ás tendas e negocios dos nosos barrios, posto que é rara a semana na que non se teñen novas sobre roubos e outras incidencias”.

Otero destacou tamén que “a situación na que se encontra o comercio de proximidade, a raíz dos cambios nos hábitos de consumo, require que se aumenten os esforzos para a súa supervivencia e esta depende, en gran parte, de que se consigan superar, a través da súa capacidade de adaptación e resiliencia, os retos actuais aos que se enfronta”.

“Á vista disto, dende o PP de Santiago, propuxemos a reactivación desta Mesa Local que leva dende o 2019 sen ser convocada, cando este organismo é un elemento de participación e diálogo, polo que non se entende que o goberno nacionalista non a teña convocado, á vista da falta de seguridade e os roubos continuos que padecen os nosos comerciantes e que impiden que poidan desenvolver a súa actividade con normalidade”, subliñou.

A concelleira popular non entende “por que dispoñendo dunha ferramenta para levar a cabo un traballo conxunto non se faga uso dela, polo que parece que os nacionalistas non son conscientes do grave prexuízo que o aumento da inseguridade supón para o noso sector comercial”; polo que os anima a deixar de lado argumentos mornos e a que actúen con contundencia para atallar este problema.

“Esiximos aos nacionalistas, -agregou Otero- que, dado que a proposta do Partido Popular foi aprobada por unanimidade en sesión plenaria, se convoque de xeito inmediato esta Mesa Local de Comercio, cuxa norma reguladora establece que debe convocarse, como mínimo, unha vez ao ano e facelo suporía dar resposta a unha demanda do conxunto dos comerciantes, que reclaman ser escoitados e unha maior participación, nas medidas municipais de promoción comercial”.

Olaya Otero insistiu en que “o comercio compostelán está a manter viva a economía local e é xerador de emprego, ademais de ser parte esencial da identidade de Santiago, polo que non se debe descoidar o apoio que, dende a administración local, debe prestarse ao sector, especialmente, ante un escenario cheo de desafíos, como o actual”.