O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, vén de reclamarlle ao goberno local que proceda a facer as obras que sexan necesarias, co fin de garantir a seguridade vial e a mobilidade na contorna do colexio Divino Maestro, antes do inicio do curso escolar.
“Neste momento, -remarcou o popular- deberían estar executándose as melloras na proximidade da igrexa e do centro, aproveitando que as vacacións escolares permiten executalas con menor impacto e perigo para a comunidade educativa e a veciñanza, pero os nacionalistas non está na xestión da cidade e, cada día, demostran que son un goberno cativo e escaso, que non dan abasto”.
De la Fuente subliñou que, “o Partido Popular denunciou xa, a principios deste mesmo ano, o lamentable estado no que se atopaba a parcela colídante coa igrexa de Santa Marta e o colexio, reclamándolle ao goberno unha pronta intervención que resolvera os problemas que existen, dende hai tempo, na zona”. “Sen embargo, seis meses despois, o goberno local segue sen acometer unhas obras das que o propio concelleiro de obras recoñeceu tiñan elaborado un anteproxecto”, agregou De la Fuente.
O edil insistiu en que “o esquecemento dos nacionalistas está a provocar unha falta de mantemento da parcela, que a converteu nun aparcamento caótico, cuxa cercanía á igrexa e ao centro escolar provoca situacións de risco para viandantes e, especialmente, para as nenas e nenos que acoden ao colexio, na que, ademais, non se garante unha mínima accesibilidade para persoas con mobilidade reducida”.
O concelleiro popular explicou que “á parcela non permite dobre sentido de circulación e pasa por diante da entrada á igrexa, polo que o tránsito de automóbiles provoca situacións de auténtico perigo”.
“Así mesmo, hai dous meses, -engadiu- derrubaron o muro colídante coa igrexa, que estaba en estado ruinoso e a piques de caer e con evidente perigo para as persoas, pero a cativa intervención que se fixo non preveu que as chuvias posteriores provocarían escorrentías de terra e pedras que acabaron invadindo a beirarrúa e a calzada”.
Finalmente, De la Fuente remarcou que “tivo tempo de sobra o BNG para planificar e prever executar as obras neste verán, pero neste ámbito de xestión, a súa coñecida indolencia e incapacidade provoca situacións de perigo para escolares e veciños”.