O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Antonio Constenla, vén de propoñer a creación dun Plan Director de Infraestrutura Verde e Biodiversidade, que sirva para dar garantías de seguridade á veciñanza sobre o estado dos parques e do arborado da capital de Galicia.

Insistiu en que “nos preocupa o desprezo que amosa o goberno nacionalista polo estado destas áreas en todo o termo municipal” e lembrou que “exemplo disto é que seguimos sen saber nada do Plan Director da Alameda, un dos espazos máis singulares e emblemáticos de Compostela”.

José Antonio Constenla reiterou que “Santiago é unha das cidades máis verdes de Europa e dispón dun patrimonio arbóreo de gran riqueza, pero tamén ten un goberno local que presume de conciencia e compromiso medioambiental, pero, lamentablemente, dita preocupación non se reflicte na protección e conservación dos árbores e zonas verdes de Compostela”.

O edil popular destacou que, deste xeito, obteríamos “unha exhaustiva diagnose da situación real do patrimonio natural da cidade e a súa xestión, estableceríanse obxectivos estratéxicos, liñas de acción e actuacións enfocadas a conservar, mellorar e potenciar o noso patrimonio natural”.

Por outra banda, o popular indicou que “tampouco temos coñecemento do estado dos árbores e parques ou da súa posible perigosidade, algo que preocupa tamén á veciñanza porque, cada vez máis, cando a nosa cidade se ve afectada por un tempo desapracible, amañecemos con caídas de exemplares de gran porte en distintos lugares, pero, sobre todo, na Alameda e na histórica carballeira de San Lorenzo”.
Así mesmo, subliñou que “tamén nos escandaliza o mal estado no que se atopa a marxe fluvial do río Sarela, cada vez en peor estado, con biodiversidade descontrolada, por falta de atención do goberno local; e árbores caídos que, ou non os sacan nunca, ou tardan meses en retiralos”.