A concelleira do Partido Popular de Santiago, Yolanda Otero, reclamou hoxe “a limpeza e mantemento da fonte e o lavadoiro municipal de Aradas, na parroquia da Peregrina, ante o lamentable estado de abandono no que se atopan, invadidos pola maleza e a sucidade”. A popular explicou que “estamos ante un espazo tradicional de socialización, que presenta unha total desatención, onde se poden ver importantes eivas na súa conservación”.
“Estes elementos arquitectónicos tradicionais son un valor patrimonial e histórico para Santiago -subliñou-, polo que imaxes como as que se poden ver aquí son unha mostra máis da incapacidade do goberno nacionalista de manter o patrimonio público”.
Otero remarcou que non estamos ante un caso illado, xa que “o goberno local esqueceuse da limpeza e mantemento das fontes e lavadoiros municipais, sitos nas distintas parroquias do rural, polo que é evidente que, en Compostela, o goberno nacionalista ten esquecido eo rural do noso municipio”.
“Está claro -remarcou- que os problemas de xestión e organización do goberno nacionalista repercuten, negativamente, na veciñanza, que ten dereito a gozar dos espazos públicos en condicións dignas e saudables”.
Así mesmo, agregou a popular, “a falta de limpeza na capital de Galicia estase a converter en protagonista, unha situación que está xerando un crecente malestar cidadá, pois as queixas da veciñanza pola sucidade que presentan os espazos públicos aumentaron considerablemente, estendéndose a moitos puntos e recunchos, poñendo de manifesto, unha vez máis, a inacción, pasividade e desleixo deste goberno minoritario”.

“O estado de sucidade no que se atopa Compostela -insistiu- amosa que o goberno local non cumpre co seu deber de velar pola limpeza da cidade, o que ocasiona prexuízos á veciñanza e aos seus visitantes, pois o seu benestar e saúde poden verse comprometidos ante este manifesto abandono, ademais da deplorable imaxe que ofrece”.
Finalmente, Yolanda Otero, insistiu que, dende o Partido Popular, esiximos que o goberno nacionalista actúe de maneira eficaz e sen escusas, “non se pode seguir mirando cara outro lado, mentres a cidadanía vive nunha cidade sucia e abandonada, posto que a limpeza e mantemento dos espazos públicos ten que ser unha das prioridades do goberno local, co fin de evitar a degradación e garantir unhas condicións dignas para a veciñanza”.