O concelleiro do Partido Popular, José Ramón de la Fuente, explicou que, hai uns meses, leváronse a cabo distintas labores de roza no parque do Monte de Conxo, pero os restos destes traballos non foron recollidos como debería ter ordenado o goberno nacionalista.

“A realidade é que -explicou o popular-, simplemente, quedaron amontoados ao carón mesmo das árbores que foron podadas e, agora, no verán e coas temperaturas que estamos sufrindo, eses restos son nun autentico perigo no caso de que se produza un lume”.

O popular reiterou que “as ramas e follas están completamente secas, polo que un descoido calquera as converterían en combustible altamente inflamable”.

“As tarefas que se realizaron pola contorna,-agregou De la Fuente- fixéronse de forma chapuceira, xa que ningún treito se completou, traballaron por partes, a correr, co fin de xustificar que se interveu, pero, a realidade, é que deixaron numerosas zonas sen pasar polas máquinas, con calvas que non fan máis que afondar na sensación de abandono”.

José Ramón de la Fuente explicou que “se dá a circunstancias de que o parque do Monte de Conxo esta situado ao carón mesmo de dúas instalacións educativas, polo que é un lugar de tránsito de rapaces, estudantes e familias, co que o perigo se incrementa exponencialmente”.

“Os cidadáns -subliñou- non entenden de vexetación riparía, nin adventicia, como cataloga o goberno local á maleza que invade, de forma insoportable, os parques, zonas verdes e ribeiras dos ríos, só co fin de evadir a responsabilidade de ter a cidade en condicións, as veciñas e veciños o que queren é unha cidade limpa e ben coidada, pola que poidan pasear sen sufrir un Santiago sucio e mal atendido”.

Finalmente, o edil popular emprazou ao goberno nacionalista “a que se sacuda a súa preguiza e que dea as ordenes necesarias para que se recollan, de inmediato, os restos de rozas e limpen toda a zona de forma completa e rigorosa”.