O Partido Popular de Santiago, a través do seu concelleiro Borja Rubio, vén de propoñer a posta en marcha dun Plan de Dinamización Xuvenil do Rural, que inclúa unha programación cultural e deportiva regular; o uso de instalacións municipais con criterios de equidade territorial; e o apoio estruturado ao tecido asociativo das parroquias, é dicir, unha aposta real pola mocidade do rural compostelán”.

“As parroquias rurais de Santiago levan anos sen atender tamén en materia de mocidade -indicou o popular-, carecen de espazos, de actividades deportivas ou culturais estables; e a xuventude destas zonas segue sendo a gran esquecida deste goberno nacionalista”.

Rubio subliñou que “se falamos de fixar poboación e de ofrecer oportunidades reais ás persoas mozas, o primeiro que hai que facer é escoitalas, darlle espazos e presenza; e iso, con este goberno local, brilla pola súa ausencia”.

O concelleiro popular denunciou que “os nacionalistas levan xa dous anos sen presentar propostas sólidas que garantan o acceso da mocidade do rural ás mesmas oportunidades que no centro urbano”.

Rubio advertiu de que, “malia que os mozos e mozas representan un activo clave para o futuro das parroquias, o goberno nacionalista non lles ofrece instalacións adecuadas, nin programas actividades que favorezan o arraigamento, a convivencia e a dinamización do territorio”.

“En Compostela, o pouco que hai para xente nova está no centro da cidade; e cando hai algo no rural é puntual, improvisado e sen continuidade; e, na maior parte dos casos, é grazas ao esforzo das asociacións veciñais, comisións de festas e colectivos locais, se fora polo goberno nacionalista non existiría absolutamente nada”.

Así, “dende o Partido Popular de Santiago -dixo- denunciamos, novamente, que, máis alá dalgúns centros socioculturais municipais, que se atopan en situación precaria, o goberno local non presta apoio real aos axentes implicados nas parroquias: asociacións culturais, deportivas, xuvenís ou veciñais”.