A concelleira do Partido Popular de Santiago, Nerea Barcia, levou a cabo unha visita ás inmediacións do Estadio Verónica Boquete, situado no compostelán barrio de San Lázaro, despois de escoitar numerosas queixas da veciñanza, polo “deplorable” estado no que se atopa este espazo.




Tras comprobar que o lugar está en “claras condicións de abandono”, a popular lamentou “a indignante imaxe que, con esta situación, se está proxectando da capital de Galicia”, ademais “do perigo que supón que o goberno nacionalista non teña adecuado correctamente esta área, na que se atopan distintas instalacións deportivas”.
Ante isto, Nerea Barcia denunciou “a proliferación, sen control, da maleza; a sucidade; e a existencia de beirarrúas desfeitas, o que supón un verdadeiro perigo para as veciñas e veciños que empregan esta zona para pasear ou para facer deporte”.
“Resulta incrible -subliñou a edil popular- que o goberno nacionalista deixe abandonado un espazo como este e, sobre todo, tendo en conta que a actividade deportiva xa se iniciou e as ligas dos distintos deportes que se practican no Estadio están a piques de comezar, polo que a zona dará unha lamentable imaxe aos deportistas e xiareiros que ata alí se acheguen”.
Por todo isto, “dende o Partido Popular de Santiago esixímoslle ao goberno local que limpe e adecúe, de forma urxente, o deplorable estado da contorna do Estadio Verónica Boquete”, concluíu.