A concelleira do Partido Popular de Santiago, Nerea Barcia, mantivo un encontro coa veciñanza do Lugar de Andrade, na compostelá parroquia de Aríns, xa que os veciños e veciñas desta zona levan tempo queixándose do grave estado da estrada que dá acceso ás súas casas, mentres o goberno nacionalista ignora as súas reclamacións.

Barcia explicou que “os residentes denuncian o abandono prolongado da vía, que presenta numerososburatos, afundimentos e falta de mantemento, o que supón un perigo constante, tanto para os vehículos como para os peóns”.

“A situación -subliñou- vese agravada nos días de chuvia, cando as fochancas se enchen de auga e dificultan, aínda máis, a circulación, polo que temen ter que pasar outro inverno máis con este problema, co perigo de que, en calquera momento, poida acontecer algo moi grave”.

Como indicou a popular, “os veciños e veciñas aseguran estar esquecidos polo goberno nacionalista, xa que presentaron numerosas queixas, pero non obtiveron resposta, polo que solicitan que se actúe, con urxencia, para rematar co deterioro desta estrada”.

“A veciñanza -subliñou Nerea Barcia- reclama unha estrada digna e segura, que lles permita acceder ás súas vivendas sen medo a sufrir un accidente ou danar os vehículos que por alí transitan”.

Finalmente, destacou que “o Partido Popular de Santiago, xunto á Asociación Veciñal de Aríns e os residentesdo Lugar de Andrade, solicitan ao goberno local un plan de reparación urxente, así como un mantemento periódico que evite que se volva deteriorar a este nivel”.