O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Antonio Constenla, reclámalle ao goberno nacionalista a reparación do firme da rúa Valle-Inclán, o acceso á rúa Caramoniña e á dársena de autobuses do colexio La Salle.

“Calquera que se achegue ata a rúa Valle-Inclán -explicou o popular- poderá ver o mal estado no que se atopa, sobre todo, na marxe dereita, en sentido ascendente, e xunto ao edificio do Centro de Arte Contemporánea, onde observamos o notable deterioro do firme de cantería, que fai funcións de beiravía e que sirve de acceso ao rueiro de Caramoniña e a dársena de autobuses”.

José Antonio Constenla subliñou que “esta situación mantense xa dende hai varios meses, deteriorándose cada vez máis, ata o punto de poñer en risco a seguridade peonil e o transito de vehículos, cun afundimento da zona que une a calzada e a parte que empregan os peóns, cus perfís afiados que hai que evitar”.

“Preocúpanos que, a pesar do lamentable estado desa vía, o goberno nacionalista diga que a contempla como alternativa para a reformulación da mobilidade da rúa da Virxe da Cerca, autorizando o tránsito dos vehículos da veciñanza e de autobuses, en sentido subida, cara o norte da cidade, cando, evidentemente, non se atopa en condicións para soportar o trafico pesado que tería”.