Os concelleiros do Partido Popular de Santiago, Olaya Otero e José Ramón de la Fuente, visitaron as inmediacións do colexio Quiroga Palacios, onde puideron comprobar “a falta de seguridade coa que os alumnos e alumnas, ademais de pais e nais e o resto da comunidade educativa deste centro, teñen que sufrir todos os días, para acceder á ditas instalacións a pé”.

Cando está a piques de comezar o curso escolar, os edís populares reclaman ao goberno nacionalista que “acometa, de xeito inmediato, a limpeza e roza de silveiras e proceda a reservar un espazo para o tránsito peonil, dado que a situación é moi perigosa”.

“O itinerario que teñen que realizar as familias -subliñou De la Fuente- para achegarse ao colexio dende Volta do Castro, Choupana ou Santa Marta non está libre de dificultades, xa que gran parte do percorrido o teñen que facer través da propia via, compartindo espazo cos vehículos que por alí transitan”.

Segundo Olaya Otero, “nalgún tramo hai que facer intervencións de certa envergadura, pero noutros é posible mellorar notablemente a seguridade viaria, facendo unha boa roza ou limpeza de maleza que xa invade a propia calzada”.

Os problemas afectan, principalmente, ás rúas Conxo de Arriba, Monte de Conxo e Travesía da Poza, ademais do camiño angosto que conecta estas rúas e que remata xusto na calzada de Monte de Conxo, sen posibilidade algunha de transitar por beirarrúa ou pola beiravía, polo que a cativada sae directamente á estrada, situación que se agrava ás horas de entrada e saída do colexio, debido á gran cantidade de coches que se concentran nese lugar nun mesmo momento.