O Partido Popular de Santiago, a través da súa concelleira Yolanda Otero, propuxo a posta en marcha de medidas co fin de avanzar na plena inclusión das persoas con discapacidade auditiva na cidade. “Reclamamos que se impulsen accións -dixo a edil popular- que promovan a igualdade de oportunidades de toda a cidadanía, co obxectivo de que a veciñanza con discapacidade goce dunha vida en iguais condicións que o resto”.

“Pedimos actuacións -dixo- como un servizo de lingua de signos no portal web municipal; a instalación bucles magnéticos en todos os edificios municipais nos que se poda; talleres de lingua de signos na rede municipal de centros socioculturais; e a colocación, en espazos públicos, de paneis informativos co alfabeto de signos, para fomentar o achegamento das persoas esta tipoloxía de lingua”.

Así mesmo, a popular tamén destacou a posta en marcha de actuacións como a realización de cursos de formación en lingua de signos para persoal municipal, mellorando, así, a atención a cidadanía, e unha campaña municipal, entre o 20 e 26 setembro, coincidindo coa Semana internacional de persoas xordas”.

Yolanda Otero subliñou que “estas accións son imprescindibles para incidir, de forma positiva, na calidade de vida das persoas xordas, con discapacidade auditiva e xordocegas, ao tempo, que Santiago avanzaría na inclusión, na accesibilidade, na igualdade de oportunidades de toda a veciñanza e na non discriminación das persoas con discapacidade”.

“Ao igual que en calquera outra cidade, na capital de Galicia, -explicou Otero- as persoas con discapacidade auditiva e xordocegas non sempre poden acceder á información e á comunicación coa contorna, porque ou non dispoñen de intérpretes de lingua de signos ou non teñen os recursos necesarios para facer posible a comunicación a través da lingua oral”.

A popular incidiu en que “a plena inclusión e a igualdade real e efectiva deste colectivo debe ir aparellada a avances e compromisos tamén reais e efectivos dende o goberno local, quen, no ámbito das súas competencias, debe garantir a eliminación de barreiras non só físicas senón tamén de comunicación”.

Finalmente, Yolanda Otero lembrou que “as cidades son os espazos onde as persoas desenvolven as súas vidas cotiás, polo que a accesibilidade universal é un elemento esencial para o exercicio dos dereitos fundamentais, porque permite que as persoas con discapacidade poidan vivir en condicións de igualdade, de forma autónoma e independente e participar plenamente en todos os ámbitos da vida”.