O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Antonio Constenla, vén de solicitarlle ao goberno local que “se poña xa a traballar para elaborar a mellor candidatura posible para que Compostela se converta en Cidade Creativa das artesanías e as artes populares, como membro da rede de Cidades Creativas da UNESCO”.
Como explicou o edil popular, “habería que presentar dita solicitude antes de marzo de 2026, e, para elo, teríamos que contar cunha proposta supervisada pola Asociación OURIVES de Compostela e apoiada pola Xunta, a Deputación, a USC e o Centro UNESCO de Galicia”.
“Os nacionalistas -destacou o edil popular- deben poñer nisto seriedade e traballo, co fin de poder armar a mellor proposta posible, para que Santiago, a súa contorna e a provincia poidan beneficiarse deste importante recoñecemento internacional”, dada a tradicional importancia da industria da Artesanía na nosa economía”.
Constenla subliñou que, “na capital de Galicia, contamos cos fundamentos necesarios para activar un sector produtivo como o da orfebrería, asociado a nosa tradición, talento e creatividade e, en definitiva, á herdanza e ao valor actual que posúe, posibilitando o desenvolvemento dun modelo de crecemento que permita que as ideas creativas evolucionen a bens e servizos con alto valor agregado”.
O popular lembra que os grandes museos do mundo xa contan, nas súas coleccións, con pezas de orfebrería compostelá, así Londres, Chicago, Berlín, Roma ou Xerusalén, serían algunhas das capitais que exhiben mostras da nosa ourivería.
“Na actualidade, -remarcou- máis de 300 persoas desempeñan a súa actividade profesional na orfebrería compostelá, polo que, ademais de constituír un factor cultural, patrimonial e identitario, tampouco debe ser infravalorada a súa importancia como sector económico, polo que esta iniciativa serviría para potenciar o traballo que realizan entidades como Ourives de Compostela”.
A Rede de Cidades Creativas da UNESCO creouse en 2004, para promover a cooperación cara e entre as cidades que identifiquen a creatividade como factor estratéxico de desenvolvemento urbano sostible, de integración social e de vida cultural. A compoñen máis de 180 cidades e España xa conta con varias, como: Sevilla (Música), Bilbao (Deseño), Granada (Literatura), Burgos (Gastronomía), Denia (Gastronomía) e Barcelona (Literatura).