A concelleira do Partido Popular de Santiago, Yolanda Otero, propuxo a posta en marcha de “diversas actuacións locais enfocadas a previr e diminuír o idadismo, co fin de facer fronte a unha problemática social actual, que supón a discriminación por razón da idade e que está a supoñer un problema do que a capital de Galicia non é allea”.

“Consideramos fundamental -explicou a popular- que, dende o ámbito municipal, se leven a cabo accións como: intervencións didácticas e educativas, dirixidas a mellorar a empatía e crear conciencia sobre o respecto cara ás persoas pola súa idade, coa posta en marcha de campañas de sensibilización; eventos comunitarios e actividades interxerecionais”.

Lembrou que “o idadismo é a terceira causa de discriminación, tras o racismo e o sexismo, desvaloriza socialmente ás persoas pola súa idade e pode afectar a calquera, pero o de maior impacto refírese ás persoas de maior idade e afecta máis ás mulleres que aos homes”.

“O goberno nacionalista apenas fai referencia a esta circunstancia na súa actividade, pero o feito de que non o mencione, non significa que non exista na nosa cidade. É fundamental -subliñou Otero- que, dende o ámbito municipal, se tome conciencia e se comece a actuar contra esta problemática, invisible pero existente e prexudicial para as persoas”.

A edil popular sinalou que “este tipo de discriminación ten consecuencias negativas na calidade de vida das persoas que a sofren, no seu benestar e na súa saúde física e mental, destacando o illamento social e sentimento de soidade; a inseguridade; a restrición da participación social; o aumento do risco de maltrato e das taxas de mortalidade prematuras”.

Otero lembrou que “Galicia se converteu, no ano 2022, na primeira Comunidade Autónoma en ter unha Cátedra de idadismo, concibida para transformar a maneira de pensar, de sentir e de actuar ante o envellecemento, así, nese mesmo ano, o termo foi incorporado polas reais academias galegas e española e o Informe Anual 2024 do Defensor del Pueblo recoñece, por primeira vez, o idadismo como factor de discriminación, especialmente, no caso de mulleres maiores vítimas de violencia de xénero”.