O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Borja Rubio, vén de denunciar que, “a poucos días do inicio do curso, as familias santiaguesas aínda non saben se poderán contar con servizos tan esenciais como a bolsa de comedor, as actividades extraescolares ou material escolar”.

O edil popular remarcou que “a demora do goberno municipal na publicación da resolución definitiva neste eido, correspondentes ao curso 2025/2026, é totalmente incomprensible e unha mostra máis da nula capacidade de xestión dos nacionalistas, posto que non hai materia municipal na que non existan erros, atrasos eu mesmo neglixencias”.

“Cando quedan catro días para o comezo das clases, -subliñou o popular- moitas familias compostelás seguen sen saber se contarán con estas axudas, imprescindibles para poder organizar a volta ao cole con garantías e a súa vida diaria”.

Rubio destacou que “falamos de prestacións básicas que afectan directamente á economía doméstica e á conciliación das familias, non se pode xogar coa incerteza de quen precisa saber se vai contar con ditas aportacións”.

O edil popular lembra que a resolución provisional foi publicada o pasado 11 de agosto, cun prazo de alegacións que rematou o día 18, pero “transcorreron xa máis de dúas semanas e o goberno nacionalista aínda non fixo pública a relación definitiva de beneficiarios”.

Para Borja Rubio, “este atraso evidencia, unha vez máis, a falla de previsión e de planificación dos nacionalistas, que non poñen ás familias no centro das súas prioridades”.

“O inicio do curso debería traer certezas, non dúbidas, por iso, esiximos que o goberno local publique, de forma inmediata, a resolución definitiva, co fin de que as familias saiban con que recursos contan e poidan organizar a súa vida diaria con tranquilidade”, concluíu.