O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, solicitoulle ao goberno nacionalista a restitución da marquesiña diante do Complexo Deportivo Santa Isabel, na rúa Morón, logo de 9 meses da súa retirada por un accidente de tráfico.
A entender do edil, “non é de recibo que os nacionalistas tarden máis de medio ano en restituír unha marquesiña, sobre todo, tendo en conta que é un elemento moi frecuentado, ben pola súa a proximidade ao Complexo Deportivo; e pola recollida dos escolares e dos propios veciños do barrio”.
Para os populares é comprensible que, logo dun accidente, fose retirada polos danos que se produciron, pero “non comprendemos a demora e, neste caso, a solicitude de restitución urxe ante o inminente inicio do curso escolar e do outono, sendo fundamental que se restitúa para resgardase os usuarios á hora de agardar polo transporte público”.
Neste senso, Villa aproveitou para reclamar un maior mantemento das marquesiñas da cidade, “xa que se poden apreciar diferentes danos nos cristais, nas súas estruturas e, por suposto, na limpeza destas”.
Para o edil isto “é unha cuestión de mantemento básico e fundamental, pero o que é máis grave de todo, son as paradas que levan tempo reclamando a instalación destas instalacións, unha débeda histórica de moitos veciños e veciñas que, agardando o autobús, non teñen onde resgardarse da choiva”.
Por último, os populares esixen, unha vez máis, logo de numerosas solicitudes, “unha solución para a parada de autobús da rúa do Hórreo, unha das de maior afluencia de usuarios, pola proximidade á estación Intermodal e que dende alí sae a liña 6A cara ao aeroporto santiagués”.
Adrián Villa cre que “non é de recibo que o BNG dea, deste xeito, as costas a veciños, visitantes e persoas doutros concellos limítrofes, logo de numerosas queixas por dita instalación, xa que só existe unha e sempre se atopa a rebordar de xente a calquera hora do día”.