O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Borja Rubio, denunciou hoxe “o reiterado incumprimento do goberno nacionalista na adecuación do pavillón, os vestiarios e demais instalacións deportivas do CEIP Lamas de Abade”. Rubio cualificou a situación de “inadmisible, posto que xa levan demasiado tempo reclamando solucións, sen obter resposta”.
“O goberno local leva anos facendo promesas á comunidade educativa que nunca se acadan -remarcou o popular-, non estamos a falar dun capricho, senón dunha necesidade básica para que centos de nenas e nenos poidan practicar deporte en condicións dignas, polo que o desleixo dos nacionalistas é evidente e intolerable”.
Para Rubio, “a situación é unha mostra clara da falta de respecto do goberno local cara ás familias e ao profesorado, polo que é hora de que deixen de dar escusas; asuma a súa responsabilidade e actúen de inmediato, porque cada día que pasa é un día máis no que a rapazada sofre as consecuencias da incompetencia dos nacionalistas”.
Finalmente, o concelleiro popular manifestou que “considera inexplicable que se continúen ignorando as demandas da comunidade educativa, obrigando ao alumnado a facer deporte en condicións indignas, con vestiarios deteriorados, liñas de xogo sen pintar, sen canastras para as nenas e nenos; e unhas instalacións que, evidentemente, non acadan os mínimos de seguridade e hixiene”.