O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, denunciou hoxe “a mala xestión de BNG e CA, incapaces de dirixir unha cidade como Santiago”. Para o popular, “estamos ante un goberno local ao que lle falta preparación, solvencia e ganas de traballar e sacar adiante os asuntos importantes da cidade”.
“Ante esta situación -asegurou- prometo aos santiagueses un novo rumbo, dirixir con solvencia e eficacia, con experiencia e capacidade o futuro da cidade, conto cun equipo serio e renovado, con ideas claras, para reactivar os servizos públicos e capaz de construír unha cidade de futuro”.
“BNG e CA comezaron o curso político querendo subirnos o IBI e a taxa do lixo, cando nunca tantos recursos tivo Compostela, cos orzamentos máis altos da historia -subliñou-, pero que fan con nosos cartos?. Santiago nunca estivo peor xestionado, acumulando débeda e as empresas sen cobrar, non é que a cidade estea paralizada, está en clarísimo retroceso e cunha veciñanza enfadada”.
Verea remarcou que “todos os días soportamos facturas sen pagar, nóminas sen abonar, a cidade sen limpar, os autobuses auténticas carracas, atopámonos ante unha xestión nefasta e decepcionante, cun goberno que non funciona”.
Esta semana coñecimos que somos a cidade coa débeda a provedores máis alta e que traballadores municipais non cobraban parte das súas nóminas; ante esta situación o popular destacou que o BNG e CA “inflaron o concello con altos cargos e asesores a dedo con salarios desorbitados para, dicían, corrixir esas deficiencias, hoxe, dous anos e medio despois, todo funciona peor”. “É un clamor -dixo- que este goberno de BNG e Compostela Aberta, apoiados polos socialistas, non funciona, estamos ante a alcaldesa máis morosa de todas as cidades galegas, peor que Jácome, o alcalde de Ourense”.
Indicou tamén que “este goberno é o que máis se demora en abonarlle as facturas ás empresas que lle están prestando os servizos, tampouco paga as nóminas dos autobuses, dos centros socioculturais, a gasolina da Policía local, é unha auténtica tomadura de pelo, en calquera empresa significaría o despido directo dos xerentes destes departamentos, non hai xustificación para este desastre de xestión que ten culpables claros, CA, PSOE e BNG”.
“O que pasa -subliñou- é que hai que traballar, hai que saber traballar, priorizar, dar instrucións e facer seguimento e isto non se está a facer, é incomprensible que as arcas do Concello estean cheas de cartos e a cidade nesta situación e todo porque hai una alcaldesa e uns concelleiros superados, cando se lles quita da pancarta e das manifestacións, queda a nada absoluta”.
Verea afirmou ademais que, “con seguridade e con confianza, temos claro o rumbo, e non nos temblará o pulso para mantelo” e apuntou que “a nosa folla de servizos esta á vista de todo o mundo: teño o mellor equipo, temos máis ganas e temos demostrado o noso traballo liderando a oposición con máis de 400 iniciativas e propostas”. “Estando sempre por diante dunha coalición tripartita fallida, finiquitada e inoperante, que hoxe é xa unha decepción incluso para os seus, que non teñen argumentos para defender a xestión nefasta desa coalición de minorías obscenas”, remarcou.
O líder popular insistiu en que “imos seguir traballando con tenacidade”. “O meu deber, o deber de liderar a oposición, é amosar e demostrar que hai outro camiño e que non aspiramos a contentar a todos, senón a gobernar ben”, destacou. “Santiago necesita liderado e non improvisación”, dixo, “estamos aquí para iso”.