O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Antonio Constenla, presentará unha proposta no Pleno do vindeiro xoves, para que se acorde a creación dunha exección parcial do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) dirixida á veciñanza do Casco Histórico de Santiago. “Unha medida -dixo o popular- que busca aliviar a carga fiscal dos residentes da zona máis emblemática e protexida da cidade, recoñecida como Patrimonio da Humanidade”.

Como explicou o edil popular, “vivir no Casco Histórico supón unha serie de dificultades particulares, derivadas das estritas normativas patrimoniais e urbanísticas. Estas restricións, necesarias para preservar o valor histórico e cultural do entorno, supoñen sobrecustes importantes na rehabilitación e mantemento das vivendas, como indica un informe do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), estes sobrecustes poden oscilar entre o 20% e o 30% respecto a outras zonas de Santiago”.

“A esta situación -indicou José Antonio Constenla- súmase unha maior presión fiscal, xa que moitas das vivendas, a pesar da súa antigüidade e deficiente estado de conservación, están valoradas a prezos máis elevados que construcións máis modernas pola súa localización e características urbanísticas”.

Fronte a esta realidade, “o Partido Popular de Santiago -agregou o popular- plantexa unha exección parcial do IBI de entre o 20% e o 25%, axustada en función da antigüidade do inmoble, o grao de rehabilitación requirido e a capacidade económica do propietario”.

“Non se trata dunha medida populista, senón dunha proposta razoable, equitativa e responsable que dá resposta ás necesidades reais de moitos veciñas e veciños, xa que queremos fomentar a conservación do patrimonio, apoiar aos que escollen vivir nesta zona tan importante para a cidade e contribuír á súa revitalización”.

Finalmente, José Antonio Constenla explicou que, “con esta iniciativa, reafirmamos o noso compromiso coa protección do patrimonio e o apoio ás familias compostelás que apostan por manter vivo o corazón histórico de Santiago”.