O Partido Popular de Santiago, a través do seu concelleiro José Ramón de la Fuente, denunciou que esta semana “deberían ter comezado moitas das actividades habituais da rede de Centros Socioculturais, pero a realidade é que, en gran parte, non se realizaron porque os monitores non se presentan a dirixilas”.

O popular subliñou que “a xestión deste departamento non pode ser máis catastrófica, e o que ocorre actualmente non é mais que outro capítulo de despropósitos ao que nos ten acostumados o goberno de BNG e CA”.

“En moitos locais -explicou o popular- e na maior parte das actividades ofrecidas, programadas e pagadas se está a producir esta circunstancia, por falta de monitores que estean dispostos a prestar os servicios”.

Segundo o edil popular, “levamos desde 2023 advertindo que os contratos non están adecuadamente dimensionados ás necesidades actuais, tanto desde un punto de vista técnico como económico, o que provoca un progresivo deterioro da calidade do servizo pero, agora, chegamos incluso á suspensión das actividades”.

De la Fuente lembra que “nese momento, demandamos, insistentemente, a licitación dun novo contrato que dea resposta, tanto ás necesidades dos usuarios, como as lexítimas reivindicacións dos traballadores, pero en lugar de poñerse a buscar solucións, o goberno nacionalista optou por prorrogalos varias veces, agravando así unha situación que xa daquela era insostible chegando algunha empresa incluso a pedir a rescisión do contrato”.

Esta situación provocou gran malestar entre os usuarios perxudicados, “porque aos afectados non se lles avisou de que non se ían celebrar, polo que case todos apareceron no seu Centro coa intención de realizalas e se atoparon sen monitor e sen explicacións, porque os propios traballadores das instalacións descoñecían o que estaba pasando e cales eran os motivos desa suspensión ou se se levarían a cabo ou non nalgún momento as actividades programadas”.

“Así mesmo, -remarcou De la Fuente- moitos usuarios quéixanse de que fixeron inscrición para as actividades deste trimestre, pero non recibiron notificación, nin noticia de que están ou non admitidos e matriculados e, a maiores, nos respectivos Centros non lles daban resposta”.

“Tanto empresas como traballadores -aclarou- advertiron de que non era factible prestar os servizos, pero os nacionalistas fixeron oídos xordos e tiraron cara adiante, prorrogando os contratos, sen importarlles a situación laboral dos traballadores, nin se os servizos que se prestan aos usuarios son de calidade ou non”.

De la Fuente indicou que, “no pasado Pleno, xa avanzamos que esta situación se ía a dar e apremiamos á alcaldesa a afrontar persoalmente a xestión deste departamento, pero non quixo dar resposta nin a traballadores nin usuarios, optou por respaldar ao concelleiro de Centros Socioculturais, asumindo así a súa caótica xestión”.

“Cabe lembrar que no pasado mandato, cando Bugallo levaba pouco máis dun ano gobernando, a alcaldesa reprochoulle ao goberno local falta de rigor, de xestión e de capacidade por non sacar estes contratos; hoxe, que van alá máis de dous anos de mandato, tampouco foi capaz de licitar os contratos, a pesar de que se agravou a situación laboral de traballadores, aos que se lles deben tres nóminas; e se suspenden actividades”, insistiu.

De la Fuente agregou que “o PP esixe á alcaldesa que cese ao concelleiro de Centros Socioculturais e que asuma directamente a xestión deste departamento, co fin de intentar garantir o normal desenvolvemento das actividades programadas e xa pagadas polos usuarios e que devolvan, de xeito inmediato, as cantidades cobradas aos usuarios que non recibiron as clases ou actividades, ademais de licitar xa os contratos”.