O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, vén de denunciar o retraso na licitación do contrato dos centros socioculturais de Santiago, algo que, unha vez máis, deixa clara “a desidia e a inoperancia do goberno de BNG e CA tamén na xestión destas instalacións”, o que, como reiterou o edil, “nós xa avisamos e o fixemos varias veces”.

“Tamén nos preguntamos que vai pasar os próximos seis meses, mentres o contrato non sexa efectivo, situación que engade máis incertidume aos usuarios e aos traballadores”, subliñou.

“A mellor proba de que a licitación chega tarde -remarcou De la Fuente- é que o goberno nacionalista a tramita por vía de urxencia, porque levan case dous anos dándolle volta a uns contratos que sabemos, dende 2023, que non son adecuados para cubrir as necesidades que hai nos centros socioculturais”.

Así mesmo destacou que “como xa denunciamos onte, é evidente que os pregos van a destempo, porque levamos dúas semanas sen que se desenvolvan, con normalidade, actividades e cursos nos centros socioculturais, porque non hai monitores que queiran prestar os servizos”.

De la Fuente subliñou que a maioría das persoas que alí traballan teñen contratos a tempo parcial e, ademais, cobran con retraso as súa retribucións e nestas condicións non están dispostos a prestar os seus servizos, mentres o goberno nacionalista, sabendo que existe ese problema, non tivo ningunha presa en licitar estes contratos”.

“Agora, traslada a operadores económicos e funcionarios unha presa que non tiveron eles para sacar adiante este expediente, hai que ver como xustifican esta urxencia e a redución de lotes que xa anunciou o propio concelleiro”, agregou o popular.

Finalmente, José Ramón de la Fuente destacou que “esperamos que non haxa recursos que paralicen este procedemento e demoren, aínda máis, unha adxudicación que xa debeu producirse hai un ano”.