O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, responsabiliza a Goretti Sanmartín da caótica situación do refuxio de Bando e da decisión de sacrificar tres cans, cos votos a favor de BNG, CA e PSOE, tanto ao que atacou a un traballador, como a outros dous, dos que non había constancia de comportamentos que xustifiquen que, a última hora, se incluíran na orde do día do Padroado, para proceder ao seu sacrificio.
Para Villa, que asiste hoxe á manifestación que hai en Santiago contra os sacrificios e a prol da mellora do refuxio, acusou a Goretti Sanmartín de deixación de funcións por no asistir nunca as reunións Padroado do refuxio e de non terse preocupado, nos últimos dous anos, da situación destas instalacións, nin dos traballadores e tampouco dos animais que alí se atopan”.
O popular sinalou que “houbo múltiples advertencias de que unha situación como a ocorrida hai uns días podería pasar, o que demostra a total falta de sensibilidade polo benestar animal e que non tivese presidido á última reunión”.
O PP, a través de Villa, como membro da Fundación foi o único partido que non votou a favor de sacrificar aos 3 cans do Refuxio, xa que no caso do can que agrediu ao traballador e, anteriormente, á súa familia, era evidente a decisión de respaldar a proposta da facultativa, pero no caso dos outros dous, o popular mostrou a súa sorpresa e desacordo por telos “metidos no saco”, sen ter un informe detallado e, sobre todo, sen coñecemento de episodios agresivos previos que xustificasen unha medida tan “drástica e radical”.
Cabe lembrar que, desde o Partido Popular, lonxe de politizar, leváronse a cabo numerosas advertencias nos últimos dous anos e medio, denunciando que o refuxio de Bando estaba “colapsado”, polo amplo número de animais e o estado e escaseza das instalacións, que non están nas condicións que deberan.
Para o concelleiro, “tampouco se tomaron medidas ata o de agora para aumentar o número de canís de seguridade, habitáculos que servirían para acoller a cans potencialmente perigosos e traballar con eles para darlles unha segunda oportunidade”.
Por último, Adrián Villa, lamentou que houbese que chegar a un episodio como o da última semana para que se aprobase un protocolo de actuación con animais perigosos ou potencialmente perigosos, “algo que chega moi tarde, sobre todo, logo de que o goberno nacionalista tivese recibido numerosos avisos por parte dos traballadores e traballadoras do refuxio”, remarcou.