Os concelleiros do Partido Popular de Santiago, Olaya Otero e José Ramón de la Fuente, veñen de denunciar o aumento de episodios de inseguridade que, cada vez máis, se están a producir nas rúas do Ensanche santiagués, en concreto en Diego Murás e Rodríguez Carracido, o que, “loxicamente, -dixo a popular- está xerar unha importante preocupación entre a veciñanza e comerciantes desta zona”.

Otero remarcou que, “dende o PP de Santiago, vémonos na obriga de seguir insistindo na necesidade de reforzar a seguridade na cidade, xa que esta é unha máis da dilatada lista de barrios e zonas santiaguesas onde a veciñanza denuncia episodios de inseguridade sen que o goberno de BNG e CA fagan nada”.

“Segundo nos trasladan, cada vez son máis as situacións “complicadas” que alteran a convivencia e xeran alarma entre as persoas que viven e traballan na zona, prodúcense altercados na vía pública; increpacións a veciños; instalación de tendas de campaña de persoas sen fogar, que pernoctan baixo os soportais; e “menudeo” de estupefacientes, unha cuestión que lles preocupa especialmente e que, segundo aseguran, se produce a plena luz do día”, reiterou a popular.

Otero subliñou que “os veciños consideran inadmisible este escenario que se está a dar no Ensanche e néganse a resignarse a que se normalice, sobre todo, porque esta sempre foi unha zona tranquila e segura e, ademais, isto ocorre nas proximidades dunha zona de ocio infantil”.

“Ante esta realidade, algúns comerciantes confesan que teñen chegado a traballar coa porta pechada con chave, por medo a posibles roubos ou incidentes, polo que -destacou a popular- o goberno do BNG e CA non pode seguir mirando cara outro lado ante estas situacións que dificultan o día a día da veciñanza, xa que é a súa responsabilidade garantir algo tan básico e tan importante, como a seguridade dos veciños e veciñas de Santiago”.

“As veciñas e veciños da parroquia de Laraño -comenta De la Fuente- tamén se queixan da existencia dun punto de venda de droga, que “casualmente” apareceu cando diminuíron na zona de Santa Marta, así que o problema, en vez de solucionarse, só se desprazou de lugar, pero a inseguridade segue sendo protagonista nas parroquias e rúas da cidade”.

De la Fuente denunciou que “o goberno de BNG e CA non parece darlle importancia e non ve a gravidade do problema e das implicacións que na vida dos veciños supón convivir con esta situación e nós xa o denunciamos varias veces, pero os nacionalistas seguen pasivos e, incluso, tacháronnos de alarmistas, pero seguimos reclamando medidas e actuacións concretas, que o sectarismo endogámico do BNG non quere poñer en marcha”.

“Está claro -incidiu o edil popular- que hai un problema que xira en torno ao ocio nocturno e o tráfico de drogas, que o goberno local debe afrontar en lugar de mirar cara outro lado, como esta facendo”.

O popular subliñou que “o aumento no tráfico de drogas na cidade e dos delitos vencellados ao trapicheo, supoñen un incremento considerable de pelexas e riñas tumultuarias, sobre todo, nas rúas do Ensanche, como veñen de denunciar os veciños”.

Algo que como indicou De la Fuente, “no só está a suceder en Laraño ou no Ensanche, xa que no Vieiro, unha zona do barrio de Fontiñas, os veciños tamén teñen que soportar a existencia dun punto de venda de drogas e a inseguridade que isto trae. “Así, esta grave situación medra na cidade, pero o Goberno local segue sen tomarse en serio a problemática”, agregou.