Os concelleiros do Partido Popular de Santiago, Yolanda Otero e José Ramón de la Fuente, denunciaron hoxe, en rolda de prensa, “a lamentable situación que están vivindo as veciñas e veciños, comerciantes e visitantes de Santiago na praza de Cervantes, dende hai tempo”. Otero subliñou que “o senfogarismo está a ser unha realidade que, na nosa cidade, en vez de ir a menos vai a máis, ao igual que a preocupación e inquedanza veciñal, e non estamos a falar de ideoloxías, senón de humanización”.

Así mesmo, De la Fuente, destacou que “non é compresible, nin explicable, que a veciñanza estea padecendo esta situación sen que o goberno de BNG e CA sexa capaz de artellar unha solución”.

“A praza de Cervantes está a ser testemuña dunha situación de vulnerabilidade alarmante, de preocupación veciñal e dunha actuación do goberno de BNG e CA deficitaria, que evidencia uns servizos e recursos municipais insuficientes”, remarcou Otero.

Como indica a popular, ”isto xera unha tensión crecente na convivencia; produce sensación de inseguridade; malestar entre os comerciantes; e inquedanza e preocupación entre a veciñanza, en definitiva, estamos ante unha problemática social que demanda unha intervención municipal urxente e inmediata”.

Durante a súa intervención, Otero enumerou os distintos lugares da capital de Galicia que son escenarios desta situación, como os soportais de Correos, as dársenas de Xoán XXIII e a Salle, Galeras, o Parque do Restollal, aos que hai que sumar o caso da Praza de Cervantes que conleva unha especial alarma social, incluíndo risco sociosanitario.

“A situación que se está a dar nesta praza -dixo- non pode agardar dous anos máis por unha intervención municipal, nin pode soportar que o goberno de BNG e CA siga anunciando a apertura do Centro de atención integral a persoas sen fogar en Belvís e que, a día de hoxe, se descoñeza cando entrará en funcionamento”.

A edil popular subliñou que “o goberno municipal debe dar resposta con intervencións inmediatas e urxentes ante situacións como a que se vive nesta praza e debe traballar para atallar a cronificación da problemática social do sinfogarsimo, con recursos específicos ás persoas sen teito. Debe conter estas situacións de vulnerabilidade e garantir os dispositivos e recursos específicos axeitados, a través dos servizos sociais municipais.

Pola súa banda José Ramón de la Fuente explicou que levamos “máis de dous anos advertindo do incremento de situacións que están perturbando a normal convivencia na cidade e sempre obtemos a mesma resposta por parte do goberno nacionalista, asegurando que non é certo que haxa problemas de convivencia e inseguridade e acusándonos de alarmistas e apocalípticos”.

De la Fuente remarcou que “os nacionalistas non son capaces de afrontar estas situacións, sempre responden coas mesmas escusas: non existe ou non ten solución, pero para nós isto non é válido, porque a realidade é que os problemas de inseguridade e de falta de convivencia van en aumento dende os dous últimos anos”.

Para De la Fuente, o goberno do BNG e CA debe “recoñecer a existencia do problema; darlle a importancia que ten e non infravaloralo; mellorar a presencia policial e vixilancia na cidade, sobre todo, no Casco Histórico, ademais de incrementar efectivos e mellorar e instalar cámaras de vídeo vixilancia, como fan outras cidades, ademais de mellorar a iluminación”.