O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, vén de solicitar que se leven a cabo as actuacións necesarias para arranxar o firme de diferentes rúas de Amio, no santiagués barrio de San Lázaro.

“O goberno nacionalista ten abandonado este núcleo, -asegurou o edil popular-, xa que se pode observar unha clara falta de mantemento no firme das rúas do Cubelo, Porto do Medio, de Amio, de Seoane, do Fozán ou Agro dos Mozos, entre outras, posto que todas elas contan con numerosas fochancas e desniveis”.

Villa tamén reclamou a construción de beirarrúas alí onde hai maior número de vivendas e, por tanto, de peóns, que se desprazan camiñando ou que, simplemente, acoden á parada do autobús urbano.

Así, ao entender do concelleiro, “en rúas como a do Cubelo ou Porto do Medio, pódese executar esta actuación, porque, na actualidade, hai tramos intermitentes que se poderían conectar e é unha actuación necesaria e que velaría pola seguridade dos peóns”.

Na mesma liña, Villa fíxose eco da solicitude da veciñanza de que os nacionalistas ordenen a colocación dos colectores do lixo, posto que moitos deles están en lugares que tapan a visión aos condutores e poden xerar atropelos porque, como non hai beirarrúas, están orientados cara a estrada e a veciñanza ten que camiñar entre as gabias, para poder introducir as bolsas de lixo no colector correspondente.

Por último, o concelleiro aproveitou a visita para trasladarlle ao BNG unha reclamación común para toda a cidade: un plan de asfaltado, “estamos ante unha cuestión “preocupante”, xa que se está a observar un deterioro importante nas estradas dos barrios e parroquias, por unha clara falta dunha “folla de ruta” que permita levar a cabo actuacións periódicas que non conduzan á situación actual, na que é preciso pavimentar practicamente toda a cidade ante a pasividade por parte dos gobernos de BNG, CA e PSOE nos últimos anos”.