O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Borja Rubio, e a parlamentaria popular, Carmen Pomar, destacaron hoxe “o importante investimento, case 5 millóns de euros, que vai levar a cabo o Goberno galego en obras en distintos centros educativos de Santiago neste exercicio”.
Así, os populares destacaron as ampliacións do IES Lamas de Abade, cun investimento de 1,2 M €; e do CEIP Cardenal Quiroga Palacios, con 800.000 euros: ademais do novo Centro Educación Especial A Barcia, con 300.000€; e o cambio de cubertas no IES Rosalía de Castro, con case 700.000 euros. Así mesmo, cabe destacar os máis de 1,8 millóns de euros para a rehabilitación integral de IES Arcebispo Xelmírez II, que xa está licitada.
“Outra das medidas innovadoras neste eido -explicou Borja Rubio- é o novo bono de comedores escolares para familias que usan comedores de Anpas, concellos e centros concertados, unha medidas que supón un apoio que se suma aos que xa existen nos comedores da propia Xunta”.
Carmen Pomar subliñou que, “coas contas de 2026, o sistema educativo galego seguirá mellorando, colocándose como un dos mellores de España, tanto en recursos destinados como en resultados acadados”.
Tal é como explicaron, “o Goberno galego está realizando a maior modernización do ensino, con mellores rateos, máis medidas de apoio ás familias, máis profesores a pesares da baixada do alumnado, máis coidado do rural e mellores condicións para o profesorado”.
Os populares non quixeron esquecer o decidido apoio que se está a facer no campo da ciencia, onde se fai un gran esforzo a través do Plan galego de I+D+i, que se concreta en máis investigación e innovación e apoio ao talento que se fai desde as universidades, os centros tecnolóxicos e as empresas, reforzando as nosas áreas estratéxicas: biotecnoloxía, IA, cuántica e tecnoloxías verdes.
Así, remarcaron os investimentos na nova Facultade de Farmacia, con 12M€ ata 2026; na rede de centros de investigación de excelencia, Rede CIGUS, da Universidade de Santiago de Compostela, con 12,7M€, no período 2024/27; o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), con 3M€; o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías(IGFAE), con 2,9M€; o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas(CIMUS): 2,8M€; no Centro de Investigación Singular en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS): 2,4M€; e no Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS): 1,6M€.
Finalmente, os populares subliñaron que, dende a Xunta de Galicia, se segue apostando na capital de Galicia pola educación, a innovación e o futuro.