Os concelleiros do Partido Popular de Santiago, Nerea Barcia e Adrián Villa, destacaron hoxe “o compromiso da Xunta de Galicia con Santiago nos eidos de Política Social e Vivenda, como demostra -explicou Barcia- o incremento do 41% no investimento en Bonos de dependencia, ata alcanzar a cantidade de nove millóns de euros, e que beneficiarán a case 380 persoas”.
Así mesmo, Adrián Villa remarcou que “no ano 2026, abrirase en Santiago o primeiro centro público de coidados intermedios de Galicia, un proxecto pioneiro que mellorará a atención ás persoas maiores”.
“Seguirase favorecendo a conciliación a través do Bono Concilia Familia, que chegou a preto de 400 fogares na cidade de Santiago”, engadiu o edil popular e subliñou que “en Galicia, manterase por cuarto ano consecutivo a gratuidade nas escolas infantís, coa que se beneficiarán 32.000 nenos e nenas, dos que 1.900 son da nosa cidade, un programa que contou cun investimento de 3,3M€”.
Por outra banda, a concelleira popular salientou que “Santiago contará cunha aportación de case 5 millóns de euros para a construción de vivenda pública e aloxamentos compartidos para menores de 36 anos, como as vivendas de Xoan XXIII”.
Barcia explicou tamén que “grazas a estes orzamentos, en Santiago de Compostela, teremos solo para máis de 3.400 vivendas”.
Finalmente, os concelleiros populares subliñaron que “a Xunta de Galicia continuará investindo en servizos, unha oportunidade para seguir mellorando a vida das familias en Santiago”.