O Partido Popular de Santiago, a través do seu concelleiro, José Ramón de la Fuente, vén de esixirlle á alcaldesa que asuma persoalmente a xestión do parque de bombeiro ante a situación de crise que atravesa. O popular definiu de “inaceptable que o servizo estea de novo inoperativo e que levemos varios días sen que funcionen adecuadamente os distintos operativos de emerxencia por carecer do persoal necesario para atender, minimamente, as necesidades de seguridade e de emerxencias da cidade”.
De la Fuente lembrou que o Plan de emerxencias municipal (PEMU) establece en 12 os efectivos necesarios para atender as emerxencias, “pero -remarcou- estamos vendo día si e día non, que se están configurando con tres efectivos; o que supón, que ante calquera incidencia será imprescindible solicitar o auxilio de bombeiros doutros municipios limítrofes, como xa aconteceu, hai uns días, cando unidades de Brión e Padrón se desprazaron a Santiago para poder atender dous lumes”.
“A esta grave situación temos que engadir que a Policía local tamén está en mínimos, xa que, nalgunha xornada, só contou cun único efectivo da unidade operativa para patrullar a cidade e, incluso, estivo sen a unidade de atestados varias noites, tendo que pedir auxilio da Garda Civil”, remarcou.
De la Fuente subliñou que, “ante este despropósito, inédito en Santiago nos máis de cen anos de historia do parque de bombeiros, a resposta do goberno de BNG e CA foi presumir de vivir estas circunstancias con total tranquilidade e apelar á responsabilidade dos bombeiros”.
Para o edil popular, “xa hai que ter valor, para deberlle aos traballadores municipais máis dun ano de horas extras e apelar á responsabilidade dos prexudicados por esta situación, polo que nos preguntamos que pensa asumir o goberno nacionalista”.
“Este é o goberno de Goretti Sanmartin, -remarcou De la Fuente- indolente, paralizado e incapaz de gobernar, pero moi activo buscando responsables fora e botándolle a culpa das súas propias carencias aos demais”.
José Ramón de la Fuente engadiu que “temos un goberno nacionalistas paralizado que tardou máis dunha semana en convocar unha simple reunión cos bombeiros e a Policía local; máis de sete días en comprender a gravidade desta situación e máis dunha semana na que os cálculos políticos de BNG e CA estiveron por diante da seguridade de bombeiros, policías e cidadáns”.
“O vindeiro venres está convocada unha xuntanza da Mesa de Negociación cos colectivos afectados pola falta de efectivos (bombeiros e policías), na que é imprescindible a presencia da propia alcaldesa, non se entendería que, ante unha situación desta gravidade, se escondera detrás duns concelleiros que son os responsables dela, ao non ser capaces de xestionar nin a falta de efectivos, nin o pago de horas extras”, insistiu.
De la Fuente remarcou que “o BNG non ten capacidade para xestionar a cidade, está sobrepasado; porque a pesar de coñecer, dende hai tempo, os problemas de falta de efectivos de bombeiros tampouco está a ser capaz de activar a súa comarcalización, que con tanto alborozo anunciou ao principio do mandato, pero do que nunca mais se soubo; agora, Xunta e Deputación están á espera de que este goberno incapaz sexa quen de sacar adiante o proxecto construtivo do novo parque”.
“Nin sequera estes días que estamos sufrindo alertas climatolóxicas, -dixo- advertidas polos servizos meteorolóxicos con días de antelación, o goberno de BNG e CA foi capaz de artellar unha solución transitoria, polo que non só non podemos atender as chamadas dos nosos concellos veciños, senón que son eles os que nos están axudando a nós”.
Finalmente, o edil popular destacou que “esta situación que bombeiros, policías e veciños non merecen é unha vergoña para a cidade, que só se pode afrontar con asunción de responsabilidades e dimisións, polo que reiteramos a nosa solicitude de que a alcaldesa asuma persoalmente a cuestión e adopte decisións de inmediato”.