A concelleira do Partido Popular de Santiago, Olaya Otero, reclamoulle hoxe ao goberno de BNG e CA o que, dende hai tempo, lle leva pedido a veciñanza do Outeiro, no barrio do Castiñeiriño, e que o goberno nacionalista non atende, o que supón “unha total falta de consideración e abandono”.
“Segundo nos trasladan, -explicou Otero- hai anos que non se acomete unha intervención integral na zona, sobre todo, nas estradas e camiños que, tras todo ese tempo sen un mantemento axeitado, presentan un asfaltado irregular e cheo de fochancas”.
A edil popular engadiu que veciñas e veciños reclaman que, en varios puntos, “é necesario revisar o ancho da estrada, xa que no caso de ter que pasar unha ambulancia ou outro tipo de vehículos de tamaño similar, neste momento, non sería posible, co grave prexuízo que isto supón”.

Por outra banda, tamén insistiu no deplorable estado do asfalto, posto que, como di a veciñanza, “o único que se fai é rebachear e reparacións superficiais, que ao pouco tempo volven a deteriorarse, deixando as vías igual ou peor que antes”.
Otero subliñou que, a maiores, “hai que levar a cabo unha revisión da sinalización, sobre todo, naqueles puntos onde a falta da mesma pode supoñer un perigo; ademais de proceder á limpeza de gabias, cuxa roza tarda cada vez máis, producindo unha acumulación de maleza que cando é cortada queda acumulada alí mesmo, provocando sucidade e o atascos das canles de evacuación da auga, o que provoca asolagamentos”.

“Igualmente, -destacou- é necesario mellorar a iluminación, colocando maiores puntos de luz, xa que, neste momento, nalgunha zona de paso, para poder camiñar, a veciñanza chega a ter que iluminarse coas lanternas dos teléfonos móbiles”.
Así mesmo, Olaya Otero solicitou que “se coloquen máis contedores de reciclaxe, xa que os hai na actualidade son insuficientes para cubrir as necesidades da veciñanza da zona e, a maiores, atópanse moi distantes uns de outros”.
A concelleira popular tamén amosou a súa preocupación polo estado no que se atopa a fonte e lavadoiro da parte alta da zona, un espazo absolutamente deteriorado, rozando o abandono, dende que os veciños deixaron de utilizalo e de realizar o mantemento do mesmo, polo que “considera imprescindible -dixo- que o goberno BNG e CA faga a adecuación deste espazo que, por outra banda, non require unha gran intervención nin elevados recursos”.
Finalmente, Olaya Otero insistiu en que este abandono “amosa o trato discriminatorio que reciben e a carencia de acceso a servizos que teñen os veciños e veciñas doutras zonas, polo que o que piden non son privilexios, senón cuestións básicas: estradas seguras, alumeado en condicións e limpeza”.