O presidente do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, reuniu onte o Comité Executivo da formación na cidade, para analizar a situación crítica na que se atopa actualmente Santiago. Durante a xuntanza, Verea, destacou que o bipartito de BNG e CA, apoiado polo PSOE, ten á capital de Galicia “nunha situación límite en todos os departamentos, que mais ten que pasar?”.

Verea indicou ademais que, despois da situación dramática que vivimos o pasado sábado, cando un incendio en Pontepedriña terminou milagrosamente só con dous feridos trasladados ao hospital, pero podendo ter sido unha desgraza coa perda de vidas humanas, “pedimos a dimisión inmediata da alcaldesa Goretti Sanmartín porque está poñendo en risco a vida dos santiagueses, e porque é a máxima culpable desta situación de caos e desorde. Chegar á situación de ter o parque de bombeiros inoperativo por primeira vez na historia de Santiago é razón suficiente para dimitir; hai algo máis grave que ter a cidade desprotexida como consecuencia da súa neglixencia?”. “Sabemos que non o vai a facer, pero iso xa queda na súa conciencia, nós temos o obriga de ser claros coa cidadanía”, subliñou o líder popular.

“Está á vista de todo o mundo que non saben xestionar esta crise que eles xeraron, que non son quen de solucionar este problema provocado pola súa indolencia, se necesitan axuda estamos dispostos a axudar, xa tivemos que explicarlles que a taxa de reposición non impide contratar máis policías e bombeiros e despois de dous anos dicindo que mentiamos, tivo que vir a CIG a dicirlles que nós tiñamos razón”, expuxo.

Na mesma liña, Borja Verea lembrou que “á situación de crise na que se atopan os servizos públicos de policía local e bombeiros, hai que engadir o peche das actividades nos centros socioculturais, algo inédito tamén en Santiago; ou o mal funcionamento dos servizos de limpeza que nos últimos dous anos de BNG e CA ten como resultado que tteñamos a cidade máis sucia que nunca, algo que non poden negar xa nin os propios responsables destas formacións”.

Este venres hai un Pleno municipal para facer o pagamento das horas extras de bombeiros e policías locais, e da lectura dos informes dos técnicos municipais só hai unha conclusión: que o pago dos 2.000.000 € é ilegal e unha completa chapuza, ler os informes é o mellor retrato dun goberno que non sabe o que é xestionar. En calquera administración presentar un pago de horas extras con todas esas ilegalidades acumuladas sería, tamén, razón suficiente para asumir responsabilidades, pero como diciamos antes, sabemos que non o van a facer”.