O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, cualifica de tomadura de pelo aos veciños da Almáciga que o goberno de BNG e CA estableza unha parada de autobús na rúa Touro; “queren colgarse unha medalla sen pensar na veciñanza, nin se esa actuación soluciona realmente os problemas de mobilidade do barrio”, subliñou.
O popular explicou que “esta solución foi exposta nunha asemblea celebrada no barrio o pasado mes de marzo e os propios veciños lle deixaron claro ao goberno nacionalista que esa solución non era aceptable, porque non daba solución aos graves problemas de mobilidade e accesibilidade, sobre todo, das persoas de maior idade ou con mobilidade reducida”.
De la Fuente destacou que “a única solución aceptable é que o autobús urbano chegue ata o colexio Santiago Apóstolo e faga dúas paradas, unha no mesmo colexio e a outra na rúa Touro; só así se resolverían os problemas de mobilidade na zona e a que está a artellar o goberno de BNG e CA para poñer en práctica a partir desta semana, só ten por obxecto facer propaganda e anuncios baldeiros”.
“Unha mostra da inutilidade da medida -aclarou- é a Liña que vai subir á rúa Touro e a frecuencia das paradas que non dan o servizo que se precisa, polo que os veciños piden que suba a Liña 1, que tamén pasa pola Pastoriza e ten un percorrido máis axeitado ás necesidades do barrio”.
O edil popular indicou que “as frecuencias de parada propostas tampouco resolverán os graves problemas que teñen a maioría dos veciños da Almáciga, xa que nos días laborais será de 56 minutos; 1 hora e 17 minutos os sábados; e 2 horas e 18 minutos os domingos; polo que, con estas frecuencias e eses percorrido, o goberno nacionalista podería aforrarse a medida, tal e como se queixan os veciños, que están moi enfadados co goberno, por non ter tido en conta as súas peticións”.
Na reunión mantida en marzo co concelleiro de Mobilidade e o xerente de Tussa, os veciños rexeitaron de plano a proposta e lles plantexaron unha alternativa con dúas paradas que permitira achegar o autobús aos veciños de rúa Betanzos, O Pino e Tomiño.
“Para poñer unha liña de autobús que suba só ata a rúa Touro, é mellor que instalen unha rampla mecánica, que daría mellor servizo e menos molestias”, remarcou.
“A idea do goberno de BNG e CA -engadiu De la Fuente- provocará ademais a perda de cerca de vinte prazas de aparcamento, nunha zona densamente poboada e con pouca oferta de aparcamento, polo que coa súa brillante idea, non solucionan ningún problema e agravan outro xa endémico”.
Finalmente, o concelleiro popular insistiu en que “para resolver definitivamente o problema do autobús na Almáciga e facelo chegar no seu percorrido normal ata o colexio Santiago Apóstolo, dando, así, resposta á reivindicación tanto de colectivos como veciños do barrio”.