O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, reclámalle ao goberno de BNG e CA que aclare se quere turistas ou non en Santiago, tendo en conta a súa inacción, a pesar dos malos datos que ven sinalando o sector dende o verán, polo que insistiu tamén “na necesidade da posta en marcha de medidas urxentes de apoio a industria turística compostelá”.
Pregúntase “se o goberno de BNG e CA está preocupado ou non polos datos turísticos, cando estamos ante as peores cifras dos últimos cinco anos”. A realidade é que “dende minuto un, -dixo o popular- os nacionalistas entenderon que os visitantes son un problema, mentres que nós defendemos que o que fai especial e único a Santiago é a súa relación con eles”.
“Somos unha cidade que naceu hai mil anos para recibir xente, -subliñou- está no noso ADN, xeración tras xeración, non somos unha capital de provincia dormitorio, como Albacete ou Guadalaxara, nin tan sequera somos Barcelona ou Venecia, que levan nas últimas décadas con saturación turística, nós xa tiñamos turistas cando non existía o turismo, aí está a nosa historia, para quen a queira estudar”.
Verea insistiu en que Santiago “non é un destino turístico máis, somos diferentes e nós defendemos esa diferencia, defendemos esa universalidade e defendemos esa tradición secular, polo que non compartimos que teñamos un problema co turismo, como en Málaga ou Londres, son realidades completamente diferentes, polo tanto, nós queremos reforzar a nosa industria turística”.
Para o popular, “cada visitante é riqueza cultural, social, histórica e económica, polo que pasa a formar parte da nosa cidade, constrúe cidade aquí, pero tamén constrúe cidade cando regresan á súa casa; e nós queremos máis cidade, polo tanto, queremos máis visitantes, son mil anos dun ADN aberto e universal, non queremos cambiar, queremos mellorar”.
Borja Verea reclamoulle coherencia ao goberno de BNG e CA e que resposten “se cren hai un problema cos visitantes en Santiago porque saturan a cidade, polo tanto, que expliquen: queren menos, si ou non?”.
Así, o tamén parlamentario popular sinalou, unha vez máis, a incoherencia dos nacionalistas que non queren visitantes, pero, “cando hai un mes bo, saen axiña en rolda de prensa a colgarse a medalla de que melloran os datos, polo tanto, nós pedímoslle claridade”.
“Nós somos claros, queremos mellorar a industria turística, queremos máis visitantes, queremos construír Santiago desde dentro e queremos que se siga construíndo dende fora, con todos e cada un dos que nos visitan e queremos defender ese ADN, polo que insistimos que, ante os malos datos turísticos que levan meses acumulándose, pedímoslle ao goberno nacionalista que reaccione con accións urxentes”, agregou.
Verea remarcou que a industria turística está rexistrando uns datos demoledores, mentres o goberno de BNG e CA segue negando esta situación, dicindo que é todo mentira, que isto vai fantasticamente, pero a realidade é teimuda e acabamos de coñecer os datos de proxección para esta ponte e os mesmos hostaleiros recoñecen que están en perdas, que nunca tiveron uns datos tan baixos como os de agora”.
“O goberno nacionalista está conseguindo algo que era imposible, que ninguén pensaba que podería ocorrer, se están cargando, incluso, a industria turística de Santiago, algo que parecía dunha solidez inquebrantable, por tanto, estamos ante unha alcaldesa que está facendo moito dano a Santiago polo que a única saída digna que ten é deixar paso a outro, porque quedou demostrado que isto é un auténtico desastre”.
Finalmente, Verea amosouse moi preocupado pola desinformación ou apatía do goberno nacionalista quen intenta esquivar os datos oficiais que narran a deriva, que ten a industria turística compostelá dende o mes de xullo, con que a ocupación de Santiago está por riba da media galega, comparándose cos concellos da contorna, cando Compostela é unha capital mundial”.