O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, vén de esixir, en rolda de prensa a readmisión inmediata do voluntariado de Bando, co fin de que poidan acceder ás instalacións como o fixeron antes de denunciar, publicamente, o sacrificio de Gosu e a situación que se está a vivir no Refuxio

“Dende o PP, -explicou Villa- non podemos consentir esta forma autoritaria de actuar, nin a falta de transparencia que hai desde a presidencia do Padroado e, por suposto, tampouco toleraremos que se tomen represalias contra o voluntariado, sobre todo, porque se trata de persoas que, de forma altruísta, están a facer un traballo moi importante por e para os animais aloxados en Bando”.

Cabe sinalar que “a presidenta do Padroado Goretti Sanmartín está a tomar decisións autoritarias, unilaterais e sen consultar a un órgano formado por 14 membros, o que supón unha falta de respecto sen precedentes” e engadiu que “é tamén, unha falta de respecto sen precedentes que Sanmartín, que a máxima responsable do Padroado, nunca asista de forma presencial a unha reunión, o que amosa unha covardía que se escude na vicepresidencia para tomar decisións a distancia e non dar a cara”.

“Hai que sinalar que a alcaldesa só conta cun voto de 14 e ten a obriga de consultar as decisión que afecten ao Refuxio, porque neste órgano hai máis grupos políticos pero, sobre todo, máis concellos e é unha autentica vergoña que se coñezan as decisións a través dos medios, das redes e de particulares”, agregou.

Villa subliñou que “Santiago está á súa sorte co goberno de BNG e CA, neste momento, non hai área que funcione de forma correcta, pero esta non é menor, porque falamos de vidas, como as dos nosos animais”.

O edil popular explicou que, “en xaneiro de 2024, denunciouse, por primeira vez, unha situación crítica no Refuxio de Bando e, en xaneiro de 2025, dende o Partido Popular, avisamos novamente, porque a situación crítica se acentuou, xa con infraccións e avisos do sindicado de traballadores”.

“Neste momento, -insistiu Villa- estamos nun punto que pode traer a graves consecuencias, motivadas pola falta de persoal, de instalacións e de protocolos, cabe sinalar que o ataque dun can a un traballador non se produciu pola agresividade do animal, senón porque non se está a traballar día a día, nin atendendo as necesidades dos animais que hai en Bando”.

O edil popular resaltou que, tras rexistrarse esta penosa situación, “a mobilización social foi máxima e nós sumámonos a ela, porque nunca estibemos de acordo co sacrificio de Gosu, senón que, ademais, evitamos que o goberno nacionalista metese a outros dous cans no saco: Kaiser e Krenchy, uns animais, que a día de hoxe, están baixo terapia e traballo para que, como debe velar o Refuxio de Bando, conten cunha oportunidade para saír adiante antes de optar polo sacrificio”.

Villa insistiu en que a forma de actuar do goberno nacionalista “é moi grave porque, tal e como puidemos observar, trae consecuencias: a primeira delas foi a morte de Gosu, a pesar dos informes favorables ao acollemento do can por parte doutras asociacións, para a súa adopción e a súa recondución, co que hoxe estaría vivo; e, a segunda, a que están a padecer os máis de 500 animais de Bando que, por culpa desa expulsión os voluntarios non poden acceder ás instalacións para sacar aos cans dos canís”.

Así mesmo, agregou “non se están a facer tarefas de limpeza, que eles mesmos levaban a cabo e, en resumo: desde media tarde ata primeira hora da mañá, non hai ninguén en Bando que poida diagnosticar ou atender a calquera animal que alí se atopa”.

Finalmente, o edil popular resaltou que o pasado venres 5 de novembro, houbo unha reunión do Padroado que deu comezo á unha da tarde e rematou case ás 4 e quedou pendente dunha segunda convocatoria ante a falta de explicacións, respostas e solucións por parte do goberno do BNG, seguimos agardando a súa convocatoria, para reiterar o que xa pedimos o pasado venres e que solicitamos hoxe publicamente”.