As concelleiras do Partido Popular de Santiago, Yolanda Otero e Nerea Barcia, mantiveron unha reunión coa Asociación de Veciños de Angrois, na que lles trasladaron as súas numerosas preocupacións e necesidades, que están a afectar, de maneira directa, a súa calidade de vida.
“Entre as principais reclamacións -explicou Barcia- figura a situación da rúa Limpadoiro, onde as veciñas e veciños levan dous anos solicitando que se leven a cabo melloras no asfaltado, sen que se lles teña atendido”.
A popular destacou que “o goberno de BNG e CA se comprometera a executar estas obras no ano 2024, pero a día de hoxe seguen sen realizarse, cando estamos ás portas do 2026”. Ademais, subliñou que “os residentes denuncian unha iluminación insuficiente, ata o punto de ter que empregar lanternas para poder transitar, polo que reclaman unha avaliación técnica e a instalación inmediata dun sistema luminoso adecuado”.
“A Asociación -indicou a popular- tamén reclamou unha intervención na rúa Canaleto, onde hai problemas no firme e un evidente déficit de mantemento, así mesmo, reclaman unha maior presenza policial, posto que, segundo explican os veciños, nos últimos meses, case non hai patrullas circulando pola zona, o que incrementa a sensación de inseguridade”.
A veciñanza tamén esixen que arranxen as fochancas e o deficiente mantemento e limpeza en varias áreas da aldea, unha situación que cualifican de inaceptable e que esixe unha resposta inmediata.
“Unha vez máis, o goberno nacionalista -remarcou Otero- amosa o seu desleixo co rural, ignorando as demandas da veciñanza e desatendendo cuestións básicas que levan tempo reclamándose”.
Yolanda Otero insistiu en que “non serve actuar ás présas, nin anunciar promesas en vésperas electorais: o rural de Santiago merece respecto, planificación e solucións reais, non máis atrasos nin incumprimentos”.
Finalmente, as concelleiras populares comprometéronse a seguir defendendo estas reivindicacións e a esixir ao goberno de BNG e CA actuacións urxentes, co fin de garantir que Angrois reciba o trato e os servizos que merece.