O Partido Popular de Santiago, a través do seu concelleiro José Ramón de la Fuente, vén de denunciar a falta de iluminación en moitas das instalacións deportivas do Concello, situación que “está prexudicando o normal desenvolvemento dos adestramentos e partidos de varios clubs da cidade”, remarcou.
“Dende hai meses, -remarcou o popular- que se ten advertido aos servizos municipais de que varios campos de fútbol e pavillóns teñen luminarias avariadas, que ou non foron substituídas ou, simplemente, non teñen dimensionada, de forma adecuada, a potencia de luz ás necesidades actuais de equipos e deportistas”.
De la Fuente puxo como exemplo só algunhas das instalacións que sofren estas carencias o campo de fútbol de Conxo; o de Santa Isabel; os pavillóns Lorenzo de la Torre, o Restollal, ou Quiroga Palacios.
“O caso máis grave -subliñou- é en Conxo, onde o campo de céspede artificial ten sete focos avariados desde hai meses e no de herba natural só hai un para iluminar todo o campo, o que resulta claramente insuficiente”.
O edil popular destacou que esta instalación aumentou o número de equipos que adestran nel, xa que, entre outros, a este campo foi desviado o equipo do Compañía de María, mentres se acometían as obras do campo de Belvís.
“Neste momento, se lles está obrigando a adestrar a estes rapaces no campo de herba, no que só hai un foco, nunha época do ano onde ás seis da tarde xa é noite, polo que apenas dispoñen de dúas horas para desenvolver os seus adestramentos, o que é totalmente insuficiente”, agregou
De la Fuente explicou que “se lles impide utilizar o campo de fútbol de Belvís, no que, normalmente adestran e xogan, porque o goberno de BNG e CA non foi quen de xestionar a tempo unha intervención que debeu facerse no verán para non prexudicar a súa actividade habitual; e, por riba, envían ás nenas e nenos a un campo de fútbol que no inverno apenas se pode utilizar, o que reflicte un total desprezo pola labor dos equipos da cidade”.
Para o edil popular, “non se está a levar a cabo un adecuado seguimento do contrato de mantemento de instalacións eléctricas, xa que non hai os catro efectivos que esixen, como mínimos, os propios pregos”.
Así, ante esta lamentable situación “esiximos ao goberno BNG e CA que proceda a revisar todas as instalacións deportivas; a substituír as luminarias avariadas; e a mellorar da potencia luminosa das que sexan insuficientes para que os clubs poidan realizar os seus adestramentos e partidos”.