O Partido Popular de Santiago conseguiu o compromiso do goberno de BNG e CA para a reincorporación do voluntariado do Refuxio de Animais de Bando, que foi expulsado, coa desculpa dun cambio de pechaduras do recinto, de forma unilateral sen o coñecemento do Padroado. Así mesmo, deberán explicar por que ocultaron á institución que dirixe o Padroado o procedemento de adopción posto en marcha por unha asociación de animais integrada neste órgano para un can que, finalmente, foi sacrificado hai unhas semanas.

O concelleiro popular, Adrián Villa, tamén indicou, durante o Pleno, que o goberno nacionalista terá que asumir súas competencias como presidencia do Padroado, figura que exerce a alcaldesa Goretti Sanmartín, “unhas posturas -agregou- que deben ser adoptadas nas reunións do Padroado e pola maioría dos seus membros, mentres que a presidencia ten a obriga de informar convocar, someter a aprobación as propostas pertinentes e, por suposto, levar a cabo as decisións adoptadas pola maioría dos patróns”.

O edil popular subliñou que “todo isto que parece moi sinxelo, non está tan claro para Goretti Sanmartín que, nos últimos meses, tomou decisións que non foron consultadas nin comunicadas ao Padroado, incumprindo así o establecido nos Estatutos da Fundación e o que tamén lle reclamaban os voluntarios e a veciñanza”.

Adrián Villa remarcou que “conscientemente, se ocultou un procedemento de adopción aberto por parte dunha asociación de animais integrada no Padroado, que, como é coñecido, tiña a posibilidade legal e informes favorables. Esta ocultación trouxo como consecuencia o sacrificio dun dos cans aloxados, sen que se fixera un traballo previo sobre a súa conduta e, por tanto, evitar a súa morte”.

Ademais, indicou o popular “tamén se tomou a decisión unilateral, por parte da alcaldesa, de cambiar as pechaduras das instalacións, deixando, sen previo aviso, ao voluntariado sen acceso e, por tanto, sendo expulsado, todo como represalia ao movemento social e denuncias públicas sobre o lamentable estado do Refuxio no seu conxunto”.

Villa lamentou que “se dera esta situación, cando no Padroado hai outras forzas políticas, asociacións de animais e outros concellos que están soportando economicamente o custo deste refuxio e que se viron afectadas de forma política, profesional e persoal por estas decisións das que ningún tiña coñecemento previo”.

Dende o Partido Popular, levamos tempo denunciando a “situación crítica” na que se atopan os animais, as instalación e mesmo os traballadores do refuxio pero, para o goberno de BNG e CA, o benestar animal e o Refuxio de Bando non é unha prioridade, xa que non foron quen de adoptar fórmulas para previr a situación na que nos atopamos a día de hoxe”.

Finalmente, Adrián Villa destacou que, en todo o tempo que leva de mandato, “o goberno nacionalista non liderou ningún cambio, como lle corresponde ao presidir este Padroado nin tan sequera foi quen de promover as decisións adoptadas no Pleno”.