O Partido Popular de Santiago, a través dos seus concelleiros,  Yolanda Otero e José Ramón de la Fuente, veñen de denunciar os problemas de accesibilidade que presentan as rúas do Romaño e O Avío. A edil popular destacou que “parte da veciñanza non pode moverse con facilidade e seguridade polo seu propio barrio”. 

Otero indicou que, nesta zona da capital de Galicia, “atopamos beirarrúas sen continuidade no seu final, sen rebaixe e, nalgúns puntos, con desniveis que dificultan o tránsito seguro e autónomo das persoas con problemas de mobilidade ou imposibilitan totalmente o paso ás persoas que usan cadeira de rodas, obrigándoas á baixar á estrada cos riscos que iso implica para a súa seguridade e integridade física”.

Yolanda Otero e José Ramón de la Fuente, acompañados dos veciños, percorreron estes dous barrios do norte compostelá, constatando de primeira man as necesidades dunha contorna marcada polo abandono e esquecemento que clama solucións, onde aos problemas de acceso súmase a falta de mantemento.

“A accesibilidade non pode seguir sendo un privilexio nin unha promesa electoral -subliñou a popular-, debe ser unha obriga cumprida, xa que non estamos a falar de imaxe ou estética, senón de dignidade, de respecto e sensibilización social”.

Os populares destacaron que a falta de xestión do goberno de BNG e CA está penalizando á veciñanza, sobre todo, á que precisa dunha contorna máis accesible. 

“Compostela desmorónase baixo a incompetencia dun goberno minoritario -remarcou De la Fuente- xa que a capital de Galicia atópase inmersa nunha decadencia imparable, no caos dunha xestión municipal ineficaz, na que as veciñas e veciños sofren os estragos dunha cidade decadente, abandonada, mentres o goberno nacionalista non asume as súas responsabilidades, non ofrece solucións aos problemas da veciñanza”.

Os edís populares lémbranlle ao goberno nacionalista que a accesibilidade é un dos maiores retos das sociedades actuais e un indicador do progreso e de desenvolvemento social dunha cidade que esixe unha mirada inclusiva no deseño das estratexias públicas “pero, no caso de Santiago de Compostela, é unha asignatura pendente”, remarcaron.

“É imprescindible traballar para superar o nivel mínimo dun Santiago inclusivo, -agregou Yolanda Otero- para transformalo nunha cidade amable con toda a veciñanza, onde poidan desenvolver o seu proxecto de vida da forma máis autónoma posible e non só falamos de barreiras físicas, senón tamén de barreiras cognitivas”.