O Partido Popular de Santiago, a través da concelleira Yolanda Otero, vén de propoñerlle ao goberno de BNG e CA a elaboración dun Rexistro municipal de familias acolledoras, co fin de que se cumpran os compromisos adquiridos nas sesións de plenarias do 26 de xaneiro e 30 de novembro de 2023. “Este documento -explicou a popular- supón unha medida de apoio para as familias acolledoras de cara a protección da infancia e adolescencia”.

“Esta ferramenta facilitará a identificación e apoio ás familias dispostas a acoller a un menor en situación de vulnerabilidade e servirá de instrumento para mellorar a oferta de acollemento familiar; garantirá a seguridade dos menores e fortalecerá a coordinación entre as administracións públicas e entidades que traballan a prol da protección da infancia”, indicou.

Otero explicou que “o goberno nacionalista conta con competencias, en materia de protección da infancia, polo que deben amosar un maior compromiso coa veciñanza na aplicación de políticas con perspectiva de familia e, entre elas, a protección dos menores de idade”.

Na actualidade, aínda hai nenos, nenas e adolescentes que non ven atendidos os seus dereitos e necesidades na súa familia de orixe e, grazas ao acto solidario de moitas familias, poden medrar e desenvolverse cos coidados, apoio e seguridade necesarios a través do acollemento familiar.

Como todos os anos, en maio do pasado ano conmemorouse o Día mundial do acollemento familiar, unha oportunidade para visibilizar esta medida de protección para nenas, nenos e adolescentes que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade e que, por determinadas circunstancias, non poden ou non é conveniente que vivan coa súa familia biolóxica.

“Por todo isto, dende o Partido Popular de Santiago, reclamamos que o goberno de BNG e CA faga os deberes e se deixe de proclamas baleiras, levando a cabo medidas de verdade que favorezan a quen máis o necesita”, engadiu a popular.