O líder do PP en Santiago, Borja Verea, achegouse xunto a Olaya Otero e José Ramón de la Fuente, á cafetería Paradiso para despedirse do histórico establecemento, que pecha as súas portas tras medio século formando parte da vida social da cidade, coincidindo coa xubilación dos seus propietarios, Agustín e Socorro.

Verea quixo compartir un momento con eles tomando un chocolate quente con churros, un dos produtos máis emblemáticos do local, como xesto de agradecemento e recoñecemento a un negocio que durante 50 anos foi punto de encontro para varias xeracións de composteláns.

“O Paradiso forma parte da miña vida e da memoria sentimental de moitas familias de Santiago. Aquí tomaron os meus fillos os seus primeiros chocolates, e como nós, milleiros de persoas gardan lembranzas ligadas a este lugar”, sinalou Verea.

O líder do PP en Santiago puxo en valor o traballo de Agustín e Socorro, aos que definiu como “exemplo de esforzo, constancia e trato próximo para os novos hostaleiros”, destacando que “souberon manter vivo un espazo que é xa historia da cidade”.

Verea lamentou o peche do establecemento e subliñou a importancia de apoiar o comercio e a hostalaría tradicional, “porque son os que lle dan identidade, vida e carácter a Santiago”.

A cafetería Paradiso baixa o pano tras 50 anos de actividade, deixando unha fonda pegada na historia recente da capital galega.