O Partido Popular de Santiago, a través do seu concelleiro José Ramón de la Fuente, pide “responsabilidades claras, inmediatas e contundentes” tras a suspensión da competición oficial de fútbol sala feminino no que participa o SD Gaiola, único equipo de fútbol sala feminino de Santiago, o que debería acarear dimisións inmediatas”.
“Non se pode xogar co traballo e as ilusións de xogadoras e afeccionados do SD Gaiola -dixo- e non pase nada, esiximos ao goberno nacionalista que dea explicacións publicamente e anuncie quen vai asumir a responsabilidade polo ocorrido”.
De la Fuente remarcou tamén que “o PP de Santiago reclama ao Concello que asuma as consecuencias que poidan derivarse para o SD Gaiola pola cancelación da xornada, a non haber ninguén para abrir o pavillón; e abone os custos de desprazamento que tiveron que afrontar as xogadoras e equipo técnico do club que veu dende fora de Santiago”.
“Non é ningunha sorpresa a nefasta xestión do goberno de BNG e CA, levamos tempo denunciando a falta de proxecto, ideas e impulso tamén no eido deportivo na cidade, empezando pola falta de instalacións adecuadas e dimensionadas ás necesidades da capital de Galicia, pero o que resulta vergoñento -subliñou- é que se poña de manifesto de forma tan clara e evidente para o resto do deporte galego”.
O edil popular insistiu en que “esperamos que o goberno nacionalista se poña en contacto cos equipos afectados, SD Gaiola, Atlético Arnoia e Rodeiro FSF, porque isto xa non é a primeira vez que ocorre, e lles pida desculpas e asuma as consecuencias que para eles tiveron, polo desleixo deste goberno”.
José Ramón de la Fuente pregunta “se para isto nomeou o goberno de BNG e CA un asesor específico para a área de deportes, para que o departamento estea peor que nunca, o goberno nacionalista funciona como a oficina de colocación do BNG, pero os equipos da cidade seguen padecendo unha xestión lamentable”.
“Pasado xa amplamente o ecuador do mandato, en materia de deportes, como no resto de departamentos, o balance do goberno nacionalista non pode ser máis paupérrimo: o único que hai son anuncios, pero feitos concretos, nada de nada, nin sequera están rematados os proxectos que lles deixou encamiñados o goberno de Bugallo, gustaríanos saber se a concelleira de Deportes está satisfeita co que está ocorrendo?”.