O director xeral de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, celebrou un encontro xunto a 30 hoteleiros e hostaleiros co fin de analizar, polo miúdo, os retos turísticos aos que se enfronta a capital de Galicia. Verea insistiu “na necesidade da posta en marcha de medidas urxentes de apoio á industria turística compostelá”.

Ante a preocupación amosada polo sector pola deriva do turismo na Capital de Galicia, Verea salientou que “nós queremos mellorar a industria turística e ter máis visitantes, porque defendemos o noso, somos unha cidade que naceu hai mil anos para recibir xente, ese é o noso ADN, polo que insistimos que, á vista dos malos datos turísticos que seguen sumándose, reclamámoslle ao goberno nacionalista que reaccione con medidas urxentes”.

Borja Verea, que nesta xuntanza tamén estivo acompañado polos concelleiros María Baleato e José Antonio Constenla, sinalou que a postura do goberno nacionalista foi a mesma dende o principio, “para eles os visitantes son un problema, pero nós defendemos que o que fai especial e único a Santiago é a súa relación con eles”.

Lamentou que, “neste momento, Santiago non sexa o mellor sitio da nosa comunidade para recibir á xente, o que é claramente significativo de que as políticas que está a levar a cabo o goberno de BNG e CA son nefastas para o sector e para a cidade”, un exemplo disto é o peche temporal, por primeira vez na historia, do AC del Carmen, hotel de 5 estrelas pertencente a unha gran cadea internacional.

Verea subliñou que “non compartimos que teñamos un problema co turismo, como en Málaga ou Londres, estamos ante realidades completamente diferentes, polo tanto, nós queremos reforzar a nosa industria turística”.

O tamén deputado autonómico leva meses pedíndolle ao goberno nacionalista que diga, claramente, se quere visitantes ou non, aínda que a súa inacción non deixa lugar a dúbidas, só hai que ver os demoledores datos que ven sinalando o sector dende o verán, que padece un goteo incesante de perda de viaxeiros baixando a ocupación hoteleira, e rexistrando as peores cifras dos últimos cinco anos”. ”Así -continuou- queda claro que Goretti Sanmartín non quere nin industria, nin visitantes, nin nada que xere riqueza na nosa cidade.

O edil popular remarcou que o goberno de BNG e CA está conseguindo algo que ninguén pensaba que podería ocorrer, están desfacendo a industria turística de Santiago, un sector que parecía inquebrantable, o que está facendo moito dano a Compostela polo que queda demostrado que a cidade lles importa ben pouco”.

“O goberno nacionalista intenta esquivar os datos oficiais que narran a deriva que soporta a industria turística compostelá, parecen esquecer que Compostela é unha capital mundial”, concluíu.

Pola súa banda, o director xeral de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles destacou que “nos preocupa o descenso da ocupación hoteleira en Santiago debido fundamentalmente á falta dunha oferta complementaria que atraia visitantes todos os meses do ano”. Así Merelles lembrou que o último mes no que medrou a ocupación foi xuño, cando se celebrou o Son do Camiño.