“Para o Partido Popular de Santiago é de vergoña que o goberno de BNG e CA teña que coñecer por nós como ten que facer o seu traballo e continúe menosprezando aos traballadores do Centros socioculturais”, tal como destacou o concelleiro popular, José Ramón de la Fuente. Así, no Pleno que se celebrará esta semana, seguiremos reclamando que o goberno nacionalista poña fin a esta esperpéntica situación.

O edil popular remarcou que, “a estas alturas, cando vai facer tres anos que están gobernando, xa non é entendible que se escusen na ignorancia, co que é evidente que non están capacitados para dirixir unha cidade como Santiago de Compostela, que lles queda grande a Goretti Sanmartin e ao seu goberno”.

De la Fuente explicou que “levamos meses de conflito laboral e sen que os traballadores dos centros socioculturais cobraran as súas nóminas, pero isto non foi motivo suficiente para que o goberno nacionalista lle esixira á empresa o cumprimento das súas obrigas, establecidas como esenciais no propio contrato, tivo que vir o Partido Popular a dicirlles o que tiñan que facer”.

“Era obriga do goberno de BNG e CA activar os mecanismos necesarios para estas situacións que contemplan tanto a lexislación vixente, como os propios pregos da contratación, pero os nacionalistas estaban a outra cousa”, subliñou.

O concelleiro popular incidiu que “queremos saber se non fixeron nada ata o de agora porque non sabían ou porque non quixeron, os traballadores merecen unha resposta, logo de telos dous anos nunhas condicións laborais precarias e cun goberno nacionalista que está máis pendentes de encubrir á empresa que de esixirlle que cumpra coa súa obriga de pagar aos seus traballadores”.
“O goberno de BNG e CA está obsesivamente dedicado á propaganda -agregou-, polo que levamos máis de dous anos de xestión da rede de Centros Socioculturais nos que o único destacable é a parálise absoluta, unhas instalacións que nunca tan mal atendidas estiveron, unha programación cada vez máis cativa e con continuas suspensións de actividades, ademais, as poucas que se puideron desenvolver foi gracias á boa vontade dos propios traballadores, que a pesar de non cobrar, chegaron a poñer cartos dos seus propios petos para comprar o material necesario”.

De la Fuente dixo que “licitaron a nova contratación tarde, mal e arrastro, deixaron de atender aos traballadores, que levan dous anos denunciando precariedade laboral e impagos recorrentes e prolongados no tempo; e se negaron a atender as reclamacións das usuarias e usuarios pola constante e frecuente suspensión de actividades, que o goberno de BNG e CA quixo cobrar de todos modos, aínda sabendo que non se celebrarían”.

Para o popular, “o colmo é que e os nacionalistas fosen conscientes e coñecedores da crítica situación dos traballadores, que non cobran desde outubro, e non fixeran absolutamente nada por eles, ata que o Partido Popular llo reclamou”.

De la Fuente lembrou que, “hai dúas semanas lles reprochamos que non fixeran un adecuado seguimento do contrato e non vixiaran o cumprimento das obrigas da empresa cos seus traballadores e, agora, nos veñen de anunciar que activan eses mecanismos como se fose iniciativa propia”.

“É claro que en Santiago non hai un goberno de esquerdas, xa que de ser así, estaría ocupado e preocupado pola xestión e polo seguimento e cumprimento íntegro dos contratos, pero a realidade é que en Santiago hai un goberno okupa que parasita o Concello”, destacou.

O edil popular insistiu que “unha alcaldesa libre para tomar decisións xa hai tempo que houbera cesado ao concelleiro responsable desta situación, se non o fai é porque é refén da situación na que se meteu polo seu obsesivo interese polo poder; xa que non lle importou formar un goberno insuficiente e incapaz de gobernar a cidade”.

Finalmente, explicou en que “o goberno de BNG e CA, en lugar de estar ao servizo da cidade, se sirve dela, para colocar á xente do seu partido ao fronte de responsabilidades municipais; en lugar de poñer ao BNG ao servizo dos composteláns, puxo a Compostela ao servizo do BNG”.