A concelleira do Partido Popular de Santiago, Yolanda Otero, vén de denunciar o “lamentable estado no que se atopa a pavimentación da avenida do Burgo das Nacións, unha vía moi transitada, posto que dá servizo a numerosas persoas”.

Otero, que levará este asunto ao Pleno desta semana, sinalou que “os danos no asfaltado son visibles e tradúcense en importantes molestias diarias para os condutores, xa que isto supón un risco engadido para a circulación”.

“Este viario foi obxecto de pavimentación hai uns meses -subliñou- e, aínda así, volve a presentar un asfaltado deteriorado e con fochancas, está claro que o goberno de BNG e CA ten que deixar a política do parche e a improvisación, sobre todo, cando falamos de mantemento da cidade e servizos públicos”.

A edil popular destacou que “as veciñas e veciños de Santiago merecen atención e responsabilidade no mantemento das vías e os espazos públicos municipais, polo que dende o Partido Popular de Santiago esiximos unha actuación inmediata na Avenida do Burgo das Nacións, co fin de garantir a seguridade e o benestar dos nosos veciños”.

Yolanda Otero remarcou que “esta imaxe esténdese a outros puntos da cidade, seguimos atopándonos asfaltados en mal estado, fochancas, beirarrúas con lousas levantadas e desniveis que dificultan o tránsito de vehículos e peóns, ademais de poñer en evidencia unha xestión municipal deficitaria”.

Finalmente a popular insistiu en que “cada burato que non se arranxa é un potencial perigo diario para condutores, ciclistas e viandantes e Compostela languidece, día a día, ante a desidia dun goberno nacionalista incapaz de solucionar os problemas reais da veciñanza”.